Redondela leva os porgramas “Educando en Igualdade” e “Xeración Violeta” aos centros públicos de infantil e primaria

Redacción

• As iniciativas de sensibilización, realizadas en colaboración coa Asociación Érguete, arrancaron este mes de outubro e estenderanse ata decembro a todos os colexios públicos de Infantil e Primaria do municipio.

• A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, visitaron o colexio de Reboreda para acompañar ao alumnado de 4º curso na primeira das sesións formativas. O obxectivo é darlle á rapazada “ferramentas de sensibilización e actuación para unha verdadeira relación de igualdade”, explica Rivas.

Redondela, 29 de outubro de 2026. O Concello de Redondela reafirma o seu compromiso coa educación en valores e a equidade a través do desenvolvemento dos programas “Educando en Igualdade” e “Xeración Violeta”. As actividades comezaron este mes de outubro e prolongaranse ata decembro na totalidade dos colexios públicos de Educación Infantil e Primaria do municipio. O programa, que se desenvolve grazas á colaboración coa Asociación Érguete, adáptase ás distintas etapas do crecemento dos menores mediante dous bloques de traballo. O primeiro deles é a “Xeración Violeta”, unha campaña dinámica dirixida especificamente ao alumnado de Educación Infantil. O segundo é “Educando en Igualdade”, con obradoiros interactivos enfocados de cheo nos nenos e nenas de 4º curso de Educación Primaria.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto coa concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, achegáronse ata o CEIP Plurilingüe de Reboreda para compartir unha das xornadas co alumnado de 4º curso. Durante a visita á aula, a rexedora subliñou que desde o Concello de Redondela trabállase de xeito transversal e continuado na igualdade de oportunidades. Rivas destacou que “levar o proxecto a todos e cada un dos colexios públicos do municipio asegura que a totalidade da comunidade escolar reciba as mesmas ferramentas de convivencia, respecto e prevención de condutas discriminatorias”.

Rivas sinalou tamén que o obxectivo final é proporcionar tanto aos escolares como ás súas familias “ferramentas de sensibilización e actuación para unha verdadeira relación de igualdade”. Con este enfoque, os obradoiros prácticos e dinámicos traballan para previr e corrixir estereotipos de xénero desde as primeiras etapas do desenvolvemento dos nenos e nenas, impulsando valores como a empatía, a igualdade de oportunidades e a corresponsabilidade en todos os eidos da vida cotiá.

Comparte este artigo