Trala última reunión son finalmente 18 e non 17 as propostas

Redacción

Xa se coñecen as propostas finalistas de MosDecide 2027

O Concello de Mos abre este venres o prazo para votar nos Orzamentos Participativos MosDecide 2027, que permanecerá aberto ata o 9 de novembro. Cada persoa maior de 16 anos empadroada no municipio poderá escoller e votar ata tres propostas.

A participación poderá realizarse a través da páxina web municipal, www.mos.es⁠, no apartado habilitado para este fin. Ademais, habilitaranse ordenadores na Casa do Concello, na Piscina municipal, na Axencia de Colocación e na Biblioteca María Magdalena para que a veciñanza poida emitir o seu voto nestes espazos.

O proceso parte dun total de 242 propostas presentadas, das que 238 foron consideradas válidas. Trala revisión do comité técnico de todas elas, 18 figuran na relación de iniciativas que se someterán a votación.

As propostas finalistas son o resultado dun proceso de valoración realizado polo comité técnico municipal, no que se analizaron aspectos como a viabilidade técnica e económica, a dispoñibilidade dos espazos necesarios, as autorizacións requiridas e a posibilidade de executar os proxectos dentro dos prazos establecidos.

Esta avaliación permitiu seleccionar as iniciativas que reúnen as condicións necesarias para poder levarse á práctica, avanzando así cara á execución dos proxectos presentados pola veciñanza.

As propostas abranguen diferentes ámbitos da vida municipal, desde a seguridade viaria e a accesibilidade ata a mellora de instalacións deportivas, culturais e sociais, a creación de aparcadoiros e espazos de lecer e a recuperación do patrimonio natural e etnográfico.

A relación de proxectos polos que se poderá votar é a seguinte:

A relación de propostas de investimento para Mos inclúe actuacións en materia de seguridade viaria, accesibilidade, instalacións deportivas e culturais, zonas de lecer e recuperación do patrimonio, con intervencións distribuídas por diferentes puntos do municipio.

As 18 propostas son as seguintes:

1. Acondicionamento dunha área de lecer en Herville. A actuación busca crear un espazo de lecer e convivencia para a veciñanza nas inmediacións do local social. Orzamento: 200.000 euros.

2. Mellora da seguridade viaria na estrada Generoso Domínguez. Prevese a construción de novas beirarrúas para facilitar os desprazamentos a pé, mellorar a accesibilidade e aumentar a seguridade dos peóns. Orzamento: 200.000 euros.

3. Aparcamento público na contorna do Pazo de Mos. A proposta contempla dotar esta zona, de gran afluencia, dun aparcamento integramente público, do que carece na actualidade. Orzamento: 200.000 euros.

4. Cubrición de parques infantís e pistas deportivas municipais segundo a viabilidade técnica. O obxectivo é mellorar a protección fronte ás condicións meteorolóxicas e favorecer o uso destes espazos durante todo o ano, tendo en conta a demanda dos usuarios e a viabilidade técnica. Orzamento: 200.000 euros.

5. Mellora da seguridade viaria e humanización da contorna de San Amaro e do camiño de Arrubial. A actuación busca mellorar a seguridade viaria e os desprazamentos peonís na contorna da capela de San Amaro e Arrubial. Orzamento: 200.000 euros.

6. Mellora das instalacións da Asociación Solidaria MosAxuda. Inclúe a renovación do pavimento e da carpintería exterior do almacén, así como a adquisición de equipamento básico. Orzamento: 120.000 euros.

7. Acondicionamento da contorna da igrexa de Cela. Prevese acondicionar e mellorar o torreiro exterior da igrexa. Orzamento: 200.000 euros.

8. Humanización da rúa Ludeiro. A proposta contempla a implantación dun sentido único de circulación, a ampliación das beirarrúas e a creación de novas prazas de aparcamento. Orzamento: 200.000 euros.

9. Creación dunha área de autocaravanas. A actuación prevé habilitar este espazo na zona de Santiaguiño de Guizán. Orzamento: 80.000 euros.

10. Mellora da contorna de Santiaguiño de Guizán. Inclúe a creación dun parque multiaventura e a cubrición da pista de pádel. Orzamento: 120.000 euros.

11. Mellora das instalacións do Edificio do Multiusos. A intervención contempla a adecuación das instalacións para actuacións culturais, a dotación de camerinos e a mellora da iluminación e do son. Orzamento: 200.000 euros.

12. Acondicionamento acústico do pavillón municipal Óscar Pereiro. A proposta céntrase na mellora das condicións acústicas desta instalación deportiva. Orzamento: 200.000 euros.

13. Modernización da piscina municipal de Mos. Preténdese adaptar as instalacións ás competicións autonómicas e nacionais. Orzamento: 130.000 euros.

14. Creación dun aparcadoiro na contorna da igrexa de Louredo. Prevese adquirir e acondicionar unha parcela situada detrás do cemiterio para crear prazas de estacionamento e mellorar o acceso peonil. Orzamento: 200.000 euros.

15. Compra de terreos, recuperación, consolidación e posta en valor do Castro de Torroso. A proposta busca avanzar na recuperación e conservación deste xacemento patrimonial. Orzamento: 200.000 euros.

16. Renovación do parque infantil de Campo da Feira. A actuación inclúe a renovación do parque infantil e da pista de fútbol sala, así como a incorporación dunha zona de pump track. Orzamento: 200.000 euros.

17. Creación dunha aula de estudo. Prevese habilitar un espazo aberto a toda a veciñanza na contorna da escola de música e do conservatorio. Orzamento: 200.000 euros.

18. Posta en valor do Sendeiro dos Muíños de Salgueira e Monte Pereiras. A proposta contempla a recuperación e o acondicionamento do sendeiro, con melloras na accesibilidade, na sinalización e na conservación do patrimonio natural e etnográfico da contorna. Orzamento: 200.000 euros.

Comparte este artigo