Lorenzana aborda cos empresarios de Mos as necesidades de solo industrial no Concello

Redacción

— Destaca que ata o 2030 a Xunta porá a disposición das empresas case 12 millóns de m² en polígonos industriais cun investimento de máis de 440 millóns de euros.

— Trasladoulles tamén os avances na tramitación do polígono empresarial de Mos-Redondela.

— O informe presentado por AEMOS cifra en máis dunha vintena de empresas cunha demanda asociada a un investimento máis de 77 millóns de euros e a xeración duns 430 postos de traballo.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, abordou hoxe coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e cun grupo de empresarios as necesidades de solo industrial deste municipio pontevedrés.

No encontro, AEMOS presentou o informe “Necesidade de solo industrial no sur de Pontevedra”, elaborado a partir dunha enquisa realizada entre setembro e outubro na que participaron 26 empresas vinculadas ao tecido produtivo. O informe cifra en máis dunha vintena de empresas cunha demanda asociada a un investimento máis de 77 millóns de euros e a xeración duns 430 postos de traballo.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou o peso industrial do municipio e a súa localización estratéxica. “Presumimos en Mos de ser un concello cultural, pero sobre todo por ser un concello industrial, o cuarto máis importante de Pontevedra. Cremos profundamente que estamos estratexicamente situados e, polo tanto, é lóxico que a industria veña implantarse a Mos e temos que darlle facilidades”, sinalou.

Arévalo explicou que o Concello levaba tempo traballando para ampliar os polígonos industriais e apuntou que había una vintena de empresas da contorna de Galicia interesadas en implantarse en Mos. “O que hoxe vén facer Lorenzana é traballar e escoitar os empresarios para ver a posibilidade de darlles unha resposta rápida ás necesidades destas empresas”, indicou.

A rexedora sinalou que existían proxectos a curto e medio prazo e defendeu a colaboración entre as administracións para facilitar a chegada de novas iniciativas empresariais. “O que queremos é tender a man para que as empresas se afiancen no noso territorio, porque somos un concello estratéxico”, afirmou. Deste xeito, destacou a súa disposición a defender as iniciativas empresariais que chegasen ao municipio.

A conselleira María Jesús Lorenzana aproveitou para trasladarlles “os avances na tramitación do polígono empresarial de Mos-Redondela co obxectivo de coñecer as necesidades e os proxectos das empresas e adaptar o desenvolvemento do solo neste parque”, dixo.

Neste marco, a conselleira sinalou que os investimentos precisan espazo onde instalarse, con condicións axeitadas de superficie, servizos, subministracións e accesos. Así, apuntou que agora mesmo na provincia de Pontevedra están en tramitación, urbanización ou execución máis de 3 millóns de m² en polígonos industriais cun investimento de 138,6 millóns de euros.

Ademais, explicou que Galicia está facendo a maior aposta polo desenvolvemento de solo industrial público co maior orzamento da historia de Xestur para poñer a disposición das empresas case 12 millóns de m² de solo cun investimento de máis de 440 millóns ata 2030.

Por outra banda, a titular de Economía e Industria lembrou que nas vindeiras semanas comezará un proxecto piloto de autoconsumo da sociedade Recursos de Galicia-RDG a través do Concello de Mos para abaratar a factura eléctrica das industrias de Mos.

Comparte este artigo