O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Promoción Económica, Tamara Silva, asistiron esta mañá ao inicio do obradoiro dual de emprego «Botánico de Ourense», que desenvolve o Concello co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.
Trátase dun programa mixto de emprego e formación no que participan 20 persoas desempregadas. Ten un orzamento de 601.481,57 euros e unha duración de 9 meses (1.440 horas). O tempo estrutúrase nun 65% de traballo efectivo en obras de utilidade pública e nun 35% de formación teórica e complementaria, dirixida á obtención de Certificados Profesionais oficiais de Nivel 2 en dúas especialidades:
- Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes (familia profesional Agraria).
- Pavimentos e albanelaría de urbanización (familia profesional de Edificación e Obra Civil).
O obradoiro conta cun equipo técnico de catro persoas (unha directora, unha administrativa e dous docentes) que darán cobertura aos módulos de albanelaría e xardinería.
Transformación de Montealegre
O proxecto ten como finalidade continuar co proceso de transformación do Parque Botánico de Montealegre para consolidalo como un espazo de referencia ambiental e de lecer. Preténdese integrar actuacións de mellora da infraestrutura verde e de posta en valor do patrimonio natural, orientadas a un uso público de carácter educativo, recreativo e interpretativo.
A especialidade de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes centrarase na execución práctica dun proxecto integral que abarca desde a creación de novos espazos verdes e o seu mantemento, ata a instalación de sistemas de rega eficientes e a identificación de especies vexetais.
Pola súa banda, o módulo de Pavimentos e albanelaría de urbanización ocuparase do acondicionamento do actual invernadoiro para convertelo en invernadoiro tropical, así como da construción dunha caseta no parque para uso como almacén.

