O “núcleo” deste proxecto económico, salientou o presidente provincial, volverá ser o Plan CooperOU, o programa de cooperación cos concellos que o próximo ano alcanzará os 20 millóns de euros
Este mandato, subliñou, quedará marcado pola posta en marcha dun novo modelo provincial de financiamento, cunha “clara e decidida aposta polo municipalismo”. Contando coa dotación do CooperOU para 2027, case 130 millóns de euros de financiamento directo ás entidades locais
Afirmou que aspira a seguir captando financiamento europeo para máis proxectos, como os Plans de Actuación Integrados de Valdeorras e Ourense Sur, e a manter a colaboración institucional coa Xunta de Galicia, poñendo énfase en que “somos a Deputación galega que máis acordos mantén co Goberno galego”
Destacou o esforzo investidor para vertebrar o territorio: en 2027 destinaranse 11 millóns de euros para o mantemento, conservación e mellora de 266 vías e 1.848 quilómetros
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, compareceu este mediodía na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para avanzar as claves do orzamento da institución provincial para o ano 2027, no que as contas alcanzarán os 112.750.000 euros, o que supón un incremento de 2.275.000 euros e unha suba do 2,06% con respecto ao presente exercicio, “moderada e rigorosa”.
O “núcleo” deste proxecto económico, salientou Luis Menor, volverá ser o Plan CooperOU, o programa de cooperación cos concellos que o próximo ano alcanzará os 20 millóns de euros. Esta cifra supón un millón máis que no exercicio anterior, cumprindo así o compromiso adquirido en 2024 cando entrou en vigor o plan con 17 millóns de euros e o acordo de aumentalo nun millón anual.
Menor subliñou que o Plan CooperOU sitúa a cooperación cos concellos no centro da xestión provincial, “con fondos estables, directos e transparentes”, que potencia a autonomía municipal e ofrece aos concellos a estabilidade e seguridade financeira que necesitan, ao coñecer con adianto as principais cantidades que van percibir.
Unhas cantidades, sinalou, que poden verse aumentadas ao longo do ano mediante axudas ou convenios, como a modificación de crédito aprobada no pleno do pasado venres, con preto de 6,4 millóns de euros para case 200 actuacións nos 92 concellos da provincia e unha mancomunidade.
Este mandato, subliñou o presidente provincial, quedará marcado na Deputación de Ourense como o período no que se puxo en marcha un novo modelo provincial de financiamento, “cunha clara e decidida aposta polo municipalismo” que chegou a todos os concellos e ás sete mancomunidades cunha cifra nunca antes alcanzada: contando coa dotación do CooperOU para 2027, case 130 millóns de euros de financiamento directo ás entidades locais.
Lamentou ademais as limitacións que impoñen as actuais regras fiscais, “totalmente inxustas” cando a Deputación de Ourense é unha administración “absolutamente saneada con débeda cero”, alén de reclamar unha reforma profunda do financiamento local que achegue recursos conforme á nova realidade territorial e social.
Captación de fondos, políticas sociais e infraestruturas
“Temos recursos limitados, pero non vale quedarse de brazos cruzados”, defendeu ou presidente, que aspira en 2027 a seguir captando financiamento europeo para máis proxectos, como os Plans de Actuación Integrados de Valdeorras e Ourense Sur, os plans máis importantes con fondos europeos nos que traballa actualmente a Deputación, con preto de 14,5 millóns de euros, pero que o Goberno provincial comprometeuse a elevar ata os 10 millóns por cada PAI. No orzamento de 2027 consignará 1,15 millóns para continuar a súa execución.
Xunto aos fondos europeos, o presidente destacou a colaboración institucional coa Xunta de Galicia, poñendo énfase en que “somos a Deputación galega que máis acordos mantén co Goberno galego”. Para o próximo ano, o proxecto económico achegará 500.000 euros para a Comunidade Xeral de Regantes Nova Limia (4 millóns entre 2024 e 2031), e axudas ás prazas de abastos do Carballiño e Ribadavia (preto de 306.000 euros), ao tempo que afirmou que espera continuar co convenio pioneiro con Medio Rural para a prevención e extinción de incendios, ao que a Deputación achegou preto de 4 millóns desde 2024.
Luis Menor tamén destacou o esforzo investidor da Deputación de Ourense para garantir a vertebración do territorio, en concreto para a rede viaria provincial. En 2027 destinará 11 millóns de euros para o mantemento, conservación e mellora de 266 vías e 1.848 quilómetros. Algo máis de 6 millóns figuran no proxecto de orzamentos e os case 5 restantes incorporaranse na modificación de crédito prevista para o próximo ano. Recordou que esta é a única deputación galega que xestiona as súas estradas de modo directo e que o investimento pasou de algo máis de 4,5 millóns en 2023 a máis de 9,6 millóns en 2026, un 111,6% máis. En total, desde o inicio do mandato, preto de 43 millóns de euros (42,86) irán destinados ás estradas provinciais.
Referiuse ademais á nova liña de subvencións para concellos, veciñanza, terceiro sector, tecido asociativo e sectores estratéxicos, con novidades como o aumento do Plan Provincial de Vivenda, que de 1,2 millóns de euros este ano alcanzará 1,5 no próximo exercicio. Os 300.000 euros a maiores servirán para abrir unha asistencia técnica que axude aos concellos a regularizar vivendas e edificacións ruinosas ou abandonadas.
Continuarán, ademais, o plan de adaptación de vivendas para maiores (150.000 euros), as axudas ao terceiro sector, que se incrementaron un 70% ata os 600.000 euros, e a liña de apoio á gandería (350.000 euros), xunto con novas convocatorias para deporte, Plan provincial de Lectura, GES, Protección Civil, cartografía dixital, ANPAS ou o movemento veciñal.
Un modelo de política social “nunha provincia que coida”
Luis Menor definiu a política social como o eixo estratéxico de acción. En 2027, a Deputación destinará inicialmente 2,2 millóns de euros ao modelo provincial de benestar que combina a cooperación cos concellos e a colaboración co terceiro sector.
O obxectivo, dixo, é que sexa un exemplo de colaboración entre a parte pública e as entidades sociais. O orzamento recollerá o programa BenOurense, co Servizo de Axuda non Fogar, a teleasistencia, a tarxeta de benvida Chegou para recen nados, o programa de emprendemento en feminino e o incremento do 70% nas axudas ao terceiro sector. O segundo gran eixo será o Termalismo Social, “un dos nosos sinais de identidade”, con 11 anos de traxectoria, preto de 28.000 persoas beneficiarias, case 90.000 pernoitas e máis de 202.000 técnicas termais aplicadas.
Medio ambiente, rural, cultura, deporte e persoal
Luis Menor avanzou tamén algúns datos sobre outras liñas de xestión, como os 9,3 millóns de euros para Medio Ambiente, principalmente para o servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos que xestiona directamente a Deputación. En 2027 chegará a 61 concellos e a máis de 170.000 persoas, o 85% da poboación rural.
A través do Inorde, a Deputación impulsará unha agricultura “rendible, ecolóxica e resiliente” e un turismo desestacionalizado, con atención aos itinerarios xacobeos de cara ao próximo Ano Santo, mentres que Cultura e Deporte contarán con case 6,9 millóns de euros.
O capítulo de persoal alcanzará os 45,7 millóns, e inclúe novas prazas, a incorporación de traballadores dos servizos de lixo e recadación do Barco de Valdeorras e as subas salariais do 0,5% deste ano e do 4,5% previsto para 2027.
Finalmente, o presidente provincial comprometeuse a continuar tendendo a man cara ao diálogo co resto das forzas políticas representadas na Corporación, e a seguir “escoitando á sociedade ourensá”.
A proposta económica presentarase para a súa aprobación nun pleno que se convocará en decembro, desprazando a súa data habitual de novembro para non coincidir coa campaña electoral.

