Compostela Aberta apoia a folga xeral do 11N

Redacción

Compostela Aberta Compostela Aberta apoia a folga xeral do 11 de novembro en defensa dunha vida con dignidade, contra a perda de poder adquisitivo dos salarios, contra a suba dos prezos da enerxía e dos produtos básicos e contra un mercado inmobiliario que converte o dereito á vivenda nun privilexio.
Esta é unha realidade que en Santiago e en Galiza vemos todos os días. A mocidade non pode emanciparse, moitas familias traballadoras viven asfixiadas polos prezos do alugueiro, ao tempo que a especulación inmobiliaria e a presión turística expulsan a veciñanza dos nosos barrios. Este panorama é o resultado de decisións políticas que protexen os lucros duns poucos á costa do sufrimento da xente do común.
Por iso defendemos que as clases privilexiadas sexan as que contribúan máis a financiar as solucións das distintas crises que nos afectan, cunha reforma fiscal que faga pagar máis ás persoas ricas e poder soster uns servizos públicos universais de calidade. Neste sentido, é necesario establecer límites aos alugueiros e protexer ás familias vulnerables fronte aos desafiuzamentos, así como ampliar o parque de vivenda pública e social. Medidas que deben ser acompañadas doutras co obxectivo de controlar os prezos dos bens básicos e da enerxía e garantir salarios dignos. Cómpre tamén reforzar a sanidade, a educación, os coidados e o transporte público, que sosteñen a vida da maioría social.
Fronte ás policrises que nos afectan, esiximos políticas públicas transformadoras, reais e inmediatas para mellorar a vida material da cidadanía e garantir todos os dereitos para todas as persoas.
Por todo o anterior, chamamos a secundar a folga este 11N e a participar nas mobilizacións sindicais para reclamar na rúa unha vida digna. Todo o noso apoio a quen para, se mobiliza e defende os dereitos da clase traballadora

Comparte este artigo