A formación nacionalista esixe que Renfe e o Ministerio de Transportes garantan o dereito á mobilidade da veciñanza de Padrón, afectada pola supresión de trens sen servizos alternativos
O BNG de Padrón denuncia os graves prexuízos que as obras na estación intermodal da Coruña están a provocar na rede ferroviaria, afectando de maneira moi directa á estación padronesa coa supresión de servizos de tren e sen ofrecer ningunha alternativa de transporte por estrada ás persoas usuarias.
Coas modificacións afectando a toda a rede entre Vigo, Vilagarcía, Santiago e Ourense, a formación nacionalista alerta de que se están a cancelar frecuencias nas estacións intermedias sen ofrecer ningunha compensación. A portavoz municipal do BNG, Bea Rei, censura que existan cidadás e cidadáns de terceira á hora de garantir o dereito á mobilidade, xa que mentres noutras liñas de maior tamaño se habilitan servizos de autobús, en Padrón a decisión de Renfe pasa pola cancelación directa, deixando ás veciñas e veciños sen opcións para desprazarse ao traballo, aos centros de estudo ou ás súas xestións diarias.
Desde o BNG critican tamén a falta de planificación e a opacidade no sistema de venda de billetes de Renfe, que amosa na súa web as liñas afectadas como completas ou coas prazas esgotadas en lugar de informar abertamente da súa supresión. A formación lembra que este tipo de obras na infraestrutura son actuacións programadas con antelación, polo que Renfe tiña tempo máis que suficiente para informar á veciñanza en tempo e forma e ter habilitados desde o primeiro momento os sistemas alternativos necesarios para garantir a mobilidade da poboación.
Do mesmo xeito, Bea Rei cuestiona a falta de explicacións sobre por que unha actuación situada no extremo norte do corredor ten que paralizar ou recortar frecuencias no tramo entre Vigo, Vilagarcía e Santiago, exixindo que se busquen solucións operativas para manter activo o servizo no resto da liña sen usar calquera obra como escusa para reducir o tren de proximidade.
Ante esta situación, Bea Rei fai un chamamento directo ao rexedor padronés para que saia da pasividade e se poña á fronte das reivindicacións da cidadanía. A portavoz subliña que o alcalde e o goberno municipal non poden quedar de brazos cruzados mentres se lle quitan servizos básicos á veciñanza, polo que reclama a presentación inmediata dunha queixa formal ante o Ministerio de Transportes e Renfe para esixir a restitución dos servizos suprimidos, a posta en marcha urxente de autobuses alternativos en igualdade de condicións e unha información transparente e clara ao público. A formación conclúe lembrando que defender o tren de proximidade é fundamental para a cohesión do territorio, a sustentabilidade e os dereitos de todas as persoas que viven en Padrón e pide que nunca máis se discrimine a veciñanza de Padrón por parte do Ministerio de Transportes.

