Trátase da parcela UER-1 do SUNP-5, da Muíña, que está urbanizada e destinada polo Plan de sectorización á construción de 123 vivendas protexidas. A súa superficie supera os 6.000 m2 e o valor roldará os 6 millóns de euros. A cesión realízase para executar o proxecto que recibirá o financiamento específico que o Ministerio de Vivenda destina para zonas de mercado residencial tensionado.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou esta mañá que o Concello lle comunicou á Xunta de Galicia a cesión “da parcela municipal na que cabe un maior número de vivendas”, en resposta ao requirimento do IGVS para investir o financiamento que o Ministerio de Vivenda destina a zonas de mercado residencial tensionado, co compromiso expreso de que a vivenda construída sexa pública e se destine a alugueiro. A parcela que o Concello pon a disposición do goberno autonómico está situada na Muíña, está urbanizada e destinada polo Plan de sectorización á construción de 123 vivendas protexidas. Conta cunha superficie que supera os 6.000 m2 e o valor estímase nuns 6 millóns de euros.
“Custou, mais parece que por fin Compostela leva camiño de consolidar unha “bolsa” de vivenda pública en alugueiro, na filosofía do que vimos demandando desde o goberno de Santiago desde comezo de mandato” afirmou Goretti Sanmartín.
A este respecto, a rexedora asegurou que “aplaudimos o cambio de opinión da Xunta de Galicia e parabenizámonos de que o traballo deste Concello para conseguir a declaración de Santiago de Compostela como zona de mercado residencial tensionado sirva para sumar 123 unidades ao exiguo parque de vivenda pública en alugueiro”.
Goretti Sanmartín lembrou que Xunta de Galicia nunca aceptara a condición de que as parcelas cedidas polo Concello se destinasen exclusivamente á construción de vivenda pública en réxime de alugueiro, e que foi agora, nunha carta enviada o 23 de outubro, cando “por fin, a Administración autonómica se comprometeu a destinar especificamente a este fin o solo que solicita do Concello para executar nel o proxecto que recibirá o financiamento específico para zonas de mercado residencial tensionado” explicou.
A alcaldesa sinalou que das 2155 solicitudes que constan no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, para o termo municipal de Santiago, 719 son para alugueiro e 383 para alugueiro con opción de compra. Isto é, que máis da metade das persoas que solicitan unha vivenda optan polo alugueiro. “Santiago necesita vivenda pública en alugueiro, que é o modelo que defendemos porque é o máis e efectivo para garantir un acceso a un custo asumible” insistiu Goretti Sanmartín.
Licitación do servizo de apoio ao Arquivo municipal
A alcaldesa aproveitou a súa comparecencia semanal para explicar que a licitación dun servizo de apoio ao Arquivo municipal non implica a externalización deste servizo. O obxecto do contrato é unicamente o depósito e custodia de expedientes administrativos en papel, así como a súa entrega aos departamentos municipais para a consulta necesaria e a devolución posterior ao lugar de depósito. En ningún caso, tal e como explicou a rexedora, a empresa contratista realizará funcións de xestión e manexo dos expedientes e documentos propias de profesionais de arquivos. Estas tarefas seguirán sendo responsabilidade da arquiveira municipal.
A decisión do Concello de Santiago de Compostela de licitar o contrato responde á carencia de espazos municipais que reúnan unhas condicións minimamente axeitadas para o depósito dos fondos documentais municipais, polo que a licitación do servizo de apoio realízase co fin de preservar o patrimonio documental e evitar o deterioro dos documentos.

