A San Martiño afronta este domingo a súa edición número 49 con récord de inscricións e un cartel do máis alto nivel

Redacción

Competirán en Ourense atletas da elite internacional, con campións de España, Europa ou Etiopía e excelentes marcas persoais

O alcalde e unha escolla de deportistas participaron na rolda de prensa previa á proba, que promete un extraordinario espectáculo deportivo

A Carreira do San Martiño afronta este domingo a súa edición número 49 con récord de inscricións e un cartel do máis alto nivel. O salón de plenos do Concello acolleu esta tarde a rolda de prensa previa á proba, que este ano estrea percorrido e incrementa os seus premios co obxectivo de proporcionar un extraordinario espectáculo deportivo. O cartel da carreira ourensá reúne atletas campións de España, Europa ou Etiopía, con grandes marcas persoais en diferentes especialidades:

  • Abdessamad Oukhelfen: campión de España de 10 km e campión de Europa de cross en 2 ocasións coa selección española.
  • Pablo Sánchez: campión de España de 5 km e prata no campionato de Europa de media maratón coa selección española.
  • David de la Fuente: campión de Galicia e subcampión de España de 5 km (2 veces) e de 5.000 lisos (1 vez), gañador da San Martiño 2025.
  • Kiros Muaz: campioa de Etiopía de 10.000 metros lisos, con mellor marca persoal en media maratón de 1 h 09 min 09 s.
  • Hana Mekonin: cunha mellor marca persoal de 4 min 04 s en 1.500 metros lisos.
  • Ester Navarrete: atleta mundialista e olímpica e gañadora da San Martiño 2025.

A carreira bate este ano o seu récord histórico de inscricións, con 11.057 deportistas, que consolidan un ano máis a San Martiño como a máis multitudinaria de Galicia. Son 4.063 corredores e corredoras na categoría absoluta; 2.926 na Sub18, Sub16 e Sub14; 2.073 na Sub12 e Sub10, e 1.995 na modalidade inclusiva.

A San Martiño contará este ano cun circuíto máis rápido e unha cifra “impresionante” de máis de 11.000 inscritos, segundo destacou o alcalde na presentación oficial. O rexedor resaltou o incremento dos premios e a presenza de campións de España e de Etiopía, subliñando que a proba “conxugará nas rúas de Ourense o atletismo popular co de elite”.

Pola súa banda, o manager Víctor Alonso puxo en valor o “elenco de atletas de primeiro nivel” que comporán esta edición. “Será unha bonita carreira. Agardamos que o tempo acompañe e os atletas porán todo da súa parte para tentar bater os dous récords da proba”, asegurou.

Horarios e percorridos (Todas as categorías, saída desde a Ponte do Milenio)

11.00 horas | Carreira absoluta Percorrido: Xesús Pousa, Avenida de Marín, Ponte Nova, rotonda de Curros Enríquez, Otero Pedrayo (2ª Glorieta C-536 “Afiador”), Castelao, Cardenal Quevedo, Habana, Curros Enríquez, Paseo, Lamas Carvajal, Praza Maior, Bispo Carrascosa, Moratín, Colón, Padre Feijóo, Lugo, Ben Cho Shey, Galicia, Ramón Puga, Nosa Señora da Saínza, rotonda, Avenida de Zamora, rúa Seixalbo, Avenida de Zamora, Progreso e Praza de Concepción Arenal.

12.10 horas | Carreira de escolares (Sub-18, Sub-16 e Sub-14) Percorrido: Basilio Álvarez, Avenida de Santiago, Francisca Herrera, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Paseo, Lamas Carvajal, Praza Maior, Bispo Carrascosa, Colón, Padre Feijóo, Lugo, Ben Cho Shey, Coruña, Progreso e Praza de Concepción Arenal.

13.10 horas | Carreira infantil (Sub-12 e Sub-10) Percorrido: Basilio Álvarez, Avenida das Caldas, Ponte Romana e Pardo de Cela.

13.20 horas | Carreira inclusiva Percorrido: Basilio Álvarez, Avenida das Caldas, Ponte Romana e Pardo de Cela.

Comparte este artigo