Liderado desde o campus de Ourense, participou co modelo que eles mesmos deseñaron e fabricaron: Virandinha Mkll
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no salón de plenos o equipo da Universidade de Vigo Aerotech Solaris, que se proclamou gañador da primeira competición de foguetaría universitaria española da historia.
Formado por alumnado de diferentes titulacións da Universidade de Vigo e liderado desde o campus de Ourense, obtivo o primeiro posto no certame L1, organizado por Surt e SpainRocketry a pasada fin de semana en Alcolea de Cinca (Huesca). O grupo integrado por Andres Álvarez, Daniel Vázquez, Adrián Souto, Óscar Barja e Jose Torres, participou co modelo que eles mesmos desañaron e fabricaron: Viradinha MkII.
No proxecto, este curso académico participan 36 estudantes de diferentes graos da UVigo, principalmente do campus de Ourense, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática, pero tamén con representación do campus de Vigo, concretamente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Escola de Enxeñería Industrial.
Solaris competiu co seu foguete Viradinha MkII, un modelo deseñado e fabricado polos seus membros que conta con 1,23 metros de lonxitude; aviónica con telemetría incorporada; masa total de 1,6 kg aproximadamente; velocidade máxima de 470 km/h e tempo de voo 1 minuto. En Huesca, ademais de lanzar este foguete, o alumnado tivo que presentar un proxecto técnico e traballar aspectos como a organización, a seguridade e o deseño do vehículo. O foguete acadou na competición un apoxeo de 426,6 metros.

