· A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pregúntase: “De que dereitos fala Sánchez? Do dereito a folga? Ou do dereito do Goberno a promover unha convocatoria electoralista que no último que pensa é nos traballadores?”
· O presidente provincial dos populares ourensáns, Luis Menor: “O cambio ten que notarse en Ourense: nas comunicacións, na seguridade do rural e nas oportunidades para quedar a vivir aquí”
· A cabeza de lista do PP de Ourense ao Congreso dos Deputados, Ana Belén Vázquez, reivindica no seu primeiro mitin da campaña unha candidatura que converterá as demandas dos ourensáns en prioridades do próximo Goberno
O PPdeG pediu no Pereiro de Aguiar o voto para Alberto Núñez Feijóo cun compromiso: que o cambio en España se traduza en menos impostos, máis facilidades para acceder á vivenda e mellores servizos en Galicia. O primeiro mitin da campaña na provincia de Ourense reuniu a Paula Prado, Luis Menor, Ana Belén Vázquez, Rosa Quintana e Román Rodríguez, nun acto no que a cabeza de lista ao Congreso reivindicou o papel da provincia na nova etapa que os populares queren abrir o 29 de novembro.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, desmontou o lema do sanchismo de que o 29N toca elixir entre “dereitos ou dereitas”. Así, pregúntase de que dereitos fala Sánchez. “Do dereito das mulleres a vivir libres, seguras e protexidas? Ou do dereito dos agresores sexuais a beneficiarse das rebaixas de condena que fixo posible a súa lei do só ‘si e si’, aprobada con apoio do BNG?”, ironiza Prado. Do mesmo xeito, tamén se pregunta se Sánchez se refire ao dereito á folga ou, máis ben, ao dereito a “manipular á xente” e promover unha folga “electoralista” que, no último que pensa, é nos traballadores.
Para a número dous dos populares galegos, resulta “indecente” que o Goberno do PSOE e os seus cómplices intenten dar leccións coma estas. Pola contra, subliñou Prado, quen si pensa nos dereitos dos traballadores é Alberto Núñez Feijóo, “representante da Galicia e da España que se esforza e que reconstruirá este país”.
Ademais, pediu á veciñanza de Pereiro un plus de esforzo nestas dúas semanas de campaña, para defender a única opción válida e útil para desaloxar a Sánchez da Moncloa: o Partido Popular. “Queremos un Goberno de España como o que temos en lugares como Pereiro, onde o PP goberna para a xente, con proxectos e servizos”, defendeu.
Por último, puxo en valor a candidatura de Ourense, encabezada por Ana Vázquez, e a Luis Menor como exemplos de “políticos serios e de palabra”, que encarnan os valores de “rigor e xestión” do PP fronte a “indecencia” do Goberno do PSOE e os seus socios do BNG. A estes últimos lembroulles que, despois de oito anos de “desgoberno”, foron incapaces de retirar o seu apoio ao Executivo “que máis dano lle ten causado a Galicia”.
Pola súa parte, a cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Ana Vázquez, asegura presentarse “para defender Ourense e para que as necesidades desta provincia se convertan en decisións do Goberno. Queremos que traballar permita chegar a fin de mes, que os mozos poidan acceder a unha vivenda e que vivir no rural non signifique ter menos servizos”, afirmou Ana Belén Vázquez no seu primeiro mitin da campaña.
A candidata concretou ese compromiso nas propostas do PP de baixar o IRPF e adaptar a súa tarifa á inflación, mellorar o tratamento fiscal das familias con fillos e facilitar a primeira vivenda, con impostos cero na súa compra no rural. “En Ourense, facilitar unha casa é tamén dar unha oportunidade para quedar, formar unha familia e desenvolver un proxecto de vida”, sinalou.
Vázquez defendeu tamén reforzar os medios e o respaldo á Garda Civil e á Policía: “A seguridade dos nosos veciños debe ser unha prioridade, vivan onde vivan. Os profesionais necesitan medios para chegar a todo o territorio”.
Pola súa banda, Luis Menor reclamou un Goberno que responda ás prioridades da provincia. “O cambio ten que notarse en Ourense: nas comunicacións, na seguridade do rural e nas oportunidades para quedar a vivir aquí. Non pedimos privilexios; pedimos que se atendan as nosas necesidades”, afirmou.
O presidente provincial destacou a experiencia de Ana Belén Vázquez e chamou a mobilizarse: “Temos unha candidata que coñece Ourense e sabe defender os seus intereses no Congreso. Cada voto ao PP achega a Feijóo á Presidencia e á nosa provincia ás solucións que necesita”.
Pola súa parte, Rosa Quintana salientou o compromiso co rural: “Ourense necesita que vivir e traballar nos seus concellos sexa unha opción con futuro, con menos trabas para quen produce e emprende”.
Pola súa banda, Román Rodríguez reivindicou a “ampla” experiencia de xestión do PP e de Feijóo, “a única persoa que pode facer cambiar o despropósito ao que o goberno de Sánchez someteu a España durante estes anos”.

