O barrio precisa reforzos nas horas punta e mellores conexións cos hospitais e a universidade
Alternativa dos Veciños pide ao Goberno municipal que reforce a liña 21 de Novo Mesoiro. As queixas da veciñanza son claras: nas horas punta hai autobuses que van cheos e persoas que quedan na parada á espera do seguinte.
A formación reclama revisar os horarios e poñer máis autobuses cando máis se necesitan, especialmente nas entradas e saídas do traballo e dos centros de ensino. Tamén propón estudar conexións máis directas cos hospitais, os campus universitarios e os polígonos.
Óscar Roca Roca, candidato de Alternativa dos Veciños á Alcaldía da Coruña, reclama unha solución para o barrio: «A veciñanza de Novo Mesoiro non pode saír da casa sen saber se vai poder subir ao autobús. Fan falta reforzos nas horas punta e horarios que permitan chegar a tempo ao traballo ou ás clases. Non se pide nada extraordinario, senón un servizo que funcione».
Alternativa defende, ademais, coordinar o autobús urbano cos servizos dos concellos da contorna a través dun consorcio metropolitano. Trátase de organizar mellor as liñas e os horarios para que o transporte responda ás necesidades de quen o utiliza.

