Demanda ofrecer alternativas con aparcamentos disuasorios e reforzos do transporte público fronte á aposta de Caballero por “meter máis e máis coche no centro”
Xabier P. Igrexas: “Estamos a tempo de evitar que este Nadal volva ser un calvario insoportábel para as viguesas e vigueses e garantir a seguridade”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) urxe rectificar o plan de tráfico do Nadal en Vigo diante do “fracaso” do dispositivo este pasado sábado, con importantes retencións na cidade. A fronte nacionalista demanda ofrecer alternativas con aparcamentos disuasorios e reforzos do transporte público, en lugar de insistir no modelo do Goberno de Abel Caballero de “meter máis e máis coche no centro”.
“As masificacións e o caos rexistrados esta fin de semana así como a saturación dos aparcadoiros son un primeiro aviso”, advertiu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que considerou que o Goberno municipal non pode mirar para outro lado. “Estamos a tempo de evitar que este Nadal volva ser un calvario insoportábel para as viguesas e vigueses e garantir a seguridade”, salientou.
Igrexas tachou de “incomprensíbel” que no plan de tráfico non se contemplen medidas como habilitar aparcamentos disuasorios nos principais accesos a Vigo, conectados con lanzadeiras de autobús, para evitar que milleiros de vehículos entren en poucas horas no corazón da cidade.
Cuestionou tamén que o Goberno local non prevea un reforzo do transporte público. Non se pode pedir á cidadanía que deixe o coche na casa senón se lle ofrecen alternativas reais, con máis frecuencias e máis servizos de Vitrasa”, valorou.
Risco de colapso en Vialia
O portavoz municipal do BNG destacou o “preocupante risco de colapso” da circulación na contorna de Vialia, onde se decidiu localizar o mercado e a nora de Nadal. “Concentrar alí unha enorme afluencia de visitantes, sen unha planificación rigorosa, pode provocar importantes prexuízos á veciñanza e dificultar o acceso ao transporte público”, avisou.
Dende o Bloque alertaron ademais de que non se poden repetir as “perigosas” escenas rexistradas esta pasada fin de semana, con persoas camiñando pola autoestrada AP-9 ante as retencións quilométricas nos accesos da cidade, e con aglomeracións coa presenza de moitos menores “sen ningún tipo de control” como as vividas no desfile de Disney+.
Lembrou as advertencias realizadas dende a propia fronte nacionalista, que interpelou nas Comisións Informativas e no propio Pleno municipal sobre o plan de tráfico para evitar este colapso. A única resposta por parte do alcalde foi que se tomarían “as medidas que sexan necesarias”.

