A actuación abrangue 580 metros de lonxitude e permitirá mellorar a accesibilidade, reducir a velocidade do tráfico, renovar os pavimentos e poñer en valor o patrimonio tradicional da contorna.
O Concello de Soutomaior presentou ás veciñas e veciños de Lourido o proxecto de humanización do camiño de Lourido, unha actuación que conta cun orzamento próximo aos 180.000 euros e que ten como obxectivo mellorar a accesibilidade, reforzar a seguridade viaria e recuperar e integrar os elementos patrimoniais existentes ao longo do trazado.
Na presentación participaron o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo; o concelleiro de Obras, Pablo Garrido; e o enxeñeiro de Infourban, Marcos Díaz, que explicaron á veciñanza os detalles dunha intervención que actuará sobre un percorrido de 580 metros de lonxitude e unha superficie global de 2.320 metros cadrados.
O proxecto contempla a creación de tres áreas de calmado de tráfico, nas que se dará prioridade aos desprazamentos peonís e á convivencia entre vehículos e persoas. Para iso, establecerase un límite de velocidade de 10 km/h na zona residencial e incorporarase sinalización vertical de prioridade peonil nos accesos ás áreas de calmado. Ademais, colocaranse bandas transversais nas entradas e saídas destas tres zonas para advertir os condutores e favorecer a redución efectiva da velocidade.
A intervención tamén permitirá integrar e ordenar os 13 puntos de sobreanchos existentes ao longo do trazado, aproveitando estes espazos para mellorar a organización da contorna e habilitar zonas de estacionamento delimitadas mediante franxas de sinalización visual e física.
No apartado de pavimentación, o formigón coloreado será o material principal da calzada e das zonas de plataforma compartida, proporcionando continuidade estética e diferenciando visualmente os espazos destinados ao calmado do tráfico. Pola súa banda, instalarase lousa de granito nas zonas de preferencia peonil e nos contornos dos elementos patrimoniais, especialmente arredor das fontes e do lavadoiro.
O proxecto incorpora tamén actuacións de mobiliario urbano e mellora ambiental. Nas tres áreas de calmado instalaranse bancos de pedra como espazos de descanso e papeleiras para a recollida de residuos. Así mesmo, crearase unha nova zona verde con plantación de árbores na área 1 e incorporarase máis arborado na área 2.
En materia de accesibilidade, construirase unha nova rampla no contorno dunha das áreas de calmado, facilitando os desprazamentos peonís e eliminando barreiras. A actuación completarase coa integración e posta en valor do conxunto patrimonial tradicional formado polo lavadoiro, a poza e a fonte, elementos que forman parte da identidade da contorna de Lourido.
O alcalde, Manu Lourenzo, destacou que «este proxecto responde á vontade de seguir transformando os espazos públicos das nosas parroquias, pensando nas persoas que viven neles e nas súas necesidades cotiás. Queremos camiños máis accesibles, máis seguros e máis agradables para pasear e convivir, nos que os vehículos teñan que adaptar a súa velocidade á presenza das persoas».
Lourenzo subliñou tamén a importancia de conservar e integrar os elementos tradicionais: «Lourido conta cun patrimonio que forma parte da súa identidade e que queremos recuperar e poñer en valor. A humanización non consiste unicamente en renovar un pavimento, senón en mellorar o conxunto da contorna, respectando o seu carácter e creando espazos dos que poida desfrutar toda a veciñanza».
Con esta intervención, o Concello continúa avanzando na mellora dos espazos públicos e na creación de contornas máis accesibles, seguras e adaptadas ás necesidades da veciñanza.

