Xosé Merelles destaca que máis de 87.000 peregrinos remataron a experiencia xacobea en Fisterra e Muxía entre xaneiro e outubro deste ano

Redacción
  • O director de Turismo de Galicia puxo en valor os sensores instalados pola Xunta que permiten coñecer mellor os fluxos turísticos e de peregrinos nas rutas xacobeas
  • O maior número de peregrinos rexístrase en tempada alta, concretamente, no mes de agosto con 14.000 camiñantes
  • A Costa da Morte rexistra unha evolución positiva cun incremento de visitantes ata setembro do 13,4% con respecto ao mesmo período de 2025

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe no VI Encontro de Turismo da Costa da Morte, organizado pola Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT) no Parador Costa da Morte, que reuniu os principais axentes turísticos do territorio para analizar os proxectos en marcha, abordar os retos de futuro e compartir os principais avances acadados durante este ano.
No marco deste encontro, Xosé Merelles presentou os últimos datos dos sensores de medición dos fluxos de peregrinos instalados pola Xunta en varios itinerarios xacobeos, unha ferramenta que permite coñecer con maior precisión os movementos asociados ao Camiño de Santiago e avanzar na planificación e xestión turística dos destinos.

Como novidade, desde o pasado verán Turismo de Galicia dispón de resultados específicos dos sensores do Camiño Fisterra-Muxía, que permiten medir os fluxos de peregrinos que, tras recoller a Compostela en Santiago, deciden prolongar a súa experiencia ata a Costa da Morte. Entre xaneiro e outubro deste ano, rexistráronse preto de 87.000 peregrinos que remataron a súa experiencia xacobea nalgún dos dous puntos deste itinerario. Concretamente, máis de 72.500 peregrinos remataron en Fisterra e 15.000 fixérono en Muxía.

Os datos tamén permiten identificar a evolución estacional dos fluxos de peregrinos, cunha maior concentración durante os meses de tempada alta. Agosto é o mes de maior afluencia, con arredor de 14.000 peregrinos que remataron nalgún destes dous Concellos da Costa da Morte.

Como dixo, a instalación destes sensores complétase con outras medidas de regulación de fluxos que está levando a cabo Turismo de Galicia na Costa da Morte. En concreto, recordou a colaboración entre Turismo de Galicia e a CMAT coa instalación de contadores de visitantes en puntos estratéxicos do territorio. O primeiro deles, situado no Castelo de Vimianzo, rexistrou máis de 2.300 visitantes entre o 9 de outubro e o 3 de novembro, cunha media diaria de 95 persoas.

A Costa da Morte continúa a rexistrar unha evolución positiva como destino turístico. Entre xaneiro e setembro de 2026 contabilizáronse máis de 136.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 13,4% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

A participación de Turismo de Galicia neste encontro enmárcase na colaboración da Xunta coa CMAT, que busca impulsar o traballo conxunto entre os axentes turísticos, reforzar a promoción do xeodestino e avanzar nun modelo turístico sostible.

Comparte este artigo