O Ministerio de Cultura premia as actividades das bibliotecas municipais de Oleiros

Redacción

O proxecto de fomento da lectura presentado polas bibliotecas municipais de Oleiros, baixo o título Bibliotecas altamente adictivas, foi seleccionado no concurso estatal María Moliner que recoñece as mellores iniciativas de promoción lectora en municipios de menos de 50.000 habitantes. A selección supón un recoñecemento ao traballo continuado das bibliotecas municipais de Oleiros na promoción da lectura e na dinamización cultural.

A proposta recolle as actividades de promoción da lectura e dinamización cultural desenvolvidas desde a Biblioteca Central Rialeda. Un programa amplo e diverso, dirixido a persoas de todas as idades, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades no acceso aos libros e á lectura, favorecer a integración social e promover valores como a igualdade entre mulleres e homes e o respecto polo medio ambiente.

Entre as numerosas actividades realizadas destacan os obradoiros de ilustración sobre seres da mitoloxía galega e de cómic, impartidos polo ilustrador Miguel Cuba; os recitais de poesía e música, os contacontos, as visitas guiadas á biblioteca e as propostas específicas para conmemorar datas como o Día das Letras Galegas, o Día de Rosalía, o Día da Poesía, o Día da Muller ou o Día do Libro Infantil e Xuvenil.

O programa inclúe tamén a Hora do Conto, obradoiros, recomendacións literarias en RadiOleiros, actividades coa terceira idade, tertulias literarias, exposicións bibliográficas e iniciativas como Ler para saber: a ciencia. Unha programación pensada para achegar os libros a toda a cidadanía e facer das bibliotecas espazos vivos de encontro, aprendizaxe e participación cultural.

Este recoñecemento avala o compromiso do Concello de Oleiros cunha rede de bibliotecas públicas activa, próxima e accesible, que traballa durante todo o ano para fomentar o hábito lector e garantir que a cultura estea ao alcance de todas as persoas.

Comparte este artigo