• O novo contrato garantirá o abastecemento da iluminación pública, colexios, instalacións deportivas, centros socioculturais e outras dependencias locais a partir de 2027.
• As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 14 de decembro a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.
O Concello de Ponteareas vén de sacar a licitación o novo contrato de subministración de enerxía eléctrica para as instalacións e servizos municipais cun orzamento anual de 762.044,68 euros (IVE incluído). Tendo en conta a duración inicial dun ano e a posibilidade de prórroga por outro exercicio adicional, o valor estimado total do contrato ascende a 1.511.493,58 euros.
Esta contratación, cuxa execución está prevista a partir de 2027, permitirá garantir o abastecemento eléctrico de 215 puntos de subministración municipais. Entre eles inclúense a iluminación pública, os centros educativos, as instalacións deportivas, os centros socioculturais, os semáforos e outras dependencias do Concello. As empresas comercializadoras interesadas en optar ao contrato poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 14 de decembro de 2026, ás 23:59 horas. O trámite deberá realizarse a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, onde xa están dispoñibles os pregos e o resto da documentación do expediente para a súa consulta.
Control do gasto enerxético
O Goberno municipal destaca que esta licitación responde á dobre necesidade de asegurar o funcionamento diario dos servizos públicos e acadar as mellores condicións económicas posibles. Para logralo, o procedemento fixa prezos máximos da enerxía e promove que as empresas compitan mediante as súas ofertas á baixa, buscando tarifas máis vantaxosas e a optimización dos recursos públicos.
A alcaldesa, Nava Castro, subliñou que “a subministración eléctrica representa un dos gastos importantes para os servizos municipais, polo que resulta fundamental planificar a súa contratación, controlar os custos e buscar oportunidades de aforro que permitan destinar máis recursos a outras necesidades de Ponteareas”.
Pola súa banda, o primeiro tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, sinala que “con esta licitación buscamos garantir un servizo esencial para o funcionamento diario do Concello, pero tamén aproveitar a competencia entre as empresas para conseguir os mellores prezos posibles e xestionar con responsabilidade o diñeiro de toda a veciñanza”.
Favorecendo a concorrencia
Co obxectivo de facilitar a participación das comercializadoras e fomentar a libre competencia, o Concello dividiu a contratación en catro lotes independentes segundo as características e potencias dos puntos de consumo. As empresas poderán presentar ofertas a un, a varios ou á totalidade dos lotes.
O primeiro lote abrangue 142 puntos de subministración e conta cun orzamento de 258.753,25 euros. O segundo inclúe 46 puntos de subministración por un importe de 251.053,68 euros. O terceiro lote agrupa 25 puntos de subministración, cun orzamento de 209.610,29 euros, e o cuarto corresponde a dúas subministracións de media e alta tensión por valor de 42.627,47 euros.
Con esta iniciativa, o Concello de Ponteareas continúa avanzando na planificación económica dos servizos municipais para o exercicio 2027, apostando por unha contratación pública transparente, competitiva e orientada á eficiencia no gasto.

