A cita celebrarase o 31 de decembro ás 12.00 horas, con dous percorridos, música, chocolate quente e un ambiente festivo para gozar en comunidade.
O Concello de Tomiño prepara a terceira edición da San Silvestre Tomiñesa, unha cita que en apenas dous anos conseguiu converterse nun dos eventos deportivos e festivos máis agardados do Nadal no municipio. Despois de pasar das arredor de 320 persoas participantes na súa primeira edición a superar as 700 na segunda, o obxectivo deste ano é seguir medrando e acadar os 1.000 participantes.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca o valor desta iniciativa como punto de encontro para a veciñanza: «A San Silvestre é moito máis ca unha actividade deportiva. É unha oportunidade para xuntarnos, compartir un momento agradable e despedir o ano todas e todos xuntos, facendo comunidade. Queremos que sexa unha celebración aberta, na que teñan cabida persoas de todas as idades e na que o importante sexa participar e desfrutar».
A convocatoria terá lugar o 31 de decembro ás 12.00 horas, cunha proposta aberta a persoas de todas as idades e condicións físicas. Haberá dous percorridos para escoller: un de aproximadamente 4 quilómetros e outro máis curto, duns 1,8 quilómetros, para que todo o mundo poida participar ao seu ritmo, correndo ou camiñando.
A inscrición será totalmente gratuíta e poderá realizarse a través da páxina web do Concello de Tomiño. As persoas que teñan algún problema ou dificultade para completar o proceso en liña poderán formalizala tamén presencialmente nas dependencias municipais.
O único requisito solidario será achegar polo menos un quilo de alimentos non perecedoiros, que serán destinados a SOS Tomiño para colaborar co seu labor de apoio ás persoas e familias que máis o precisan.
Un dos atractivos desta terceira edición será o pack da San Silvestre Tomiñesa, que incluirá camiseta, mochila, pulseira e chaveiro. Todas as persoas que formalicen a súa inscrición ata o 9 de decembro recibirán o pack completo, incluída a camiseta. A partir desa data, entregarase o resto dos elementos, pero xa sen camiseta.
A organización quere que a xornada vaia moito máis alá dunha carreira. Haberá música, chocolate quente ao rematar e un ambiente festivo no que se anima a todo o mundo a participar con algún complemento ou disfrace de Nadal, para converter a mañá nunha celebración colectiva coa que despedir o ano facendo actividade física e compartindo un bo momento coa veciñanza.
O concelleiro de Deportes, Rubén García, salienta a importancia de seguir impulsando iniciativas que fagan de Tomiño un concello activo e saudable: «Levamos tempo traballando para que o deporte e a actividade física sexan tamén espazos de encontro e convivencia. A San Silvestre é unha boa mostra diso e unha maneira estupenda de rematar o ano. Animo a toda a veciñanza a inscribirse, participar e desfrutar desta xornada».
Con esta terceira edición, Tomiño quere seguir consolidando unha iniciativa que combina deporte, convivencia e solidariedade, e que cada ano suma máis persoas á proposta. O reto está posto: chegar ás 1.000 inscricións e despedir 2026 da mellor maneira posible, en movemento e en comunidade.

