O PP de Ourense reivindica en Xinzo de Limia a xestión, a estabilidade e a colaboración institucional como claves para abrir unha nova etapa en España

Redacción

· Luis Menor pon como exemplo o Plan de Regadío da Limia, cun investimento próximo aos 50 millóns de euros, e destaca que a cooperación entre administracións permite impulsar proxectos estratéxicos para o rural

· Ana Belén Vázquez defende unha política migratoria ordenada, legal e vinculada ao emprego, con maior control das fronteiras e unha xestión coordinada desde o Goberno central

· José López Campos anima a sumar esforzos para que Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno de España e reivindica a súa experiencia de xestión en Galicia

O Partido Popular de Ourense desenvolveu hoxe unha intensa xornada de campaña electoral, con presenza dos seus candidatos en distintos puntos da provincia, que tivo como acto central o mitin celebrado na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, coa participación do presidente provincial do PP, Luis Menor; a cabeza de lista ao Congreso, Ana Belén Vázquez; e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

Durante o encontro, os representantes populares abordaron as prioridades políticas de cara ás eleccións xerais do próximo 29 de novembro, con especial atención á estabilidade institucional, á xestión dos servizos públicos, á política migratoria e ás necesidades de investimento da provincia de Ourense.

Luis Menor reivindica o Plan de Regadío da Limia como exemplo de colaboración institucional

O presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, destacou a importancia de contar con administracións capaces de planificar investimentos, cooperar e dar resposta ás necesidades do territorio. Neste sentido, puxo como exemplo o proxecto de modernización e consolidación do regadío da Limia, que contempla un investimento próximo aos 50 millóns de euros.

Menor lembrou que esta actuación se executa no marco do convenio entre a Comunidade de Regantes Nova Limia e a Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias (SEIASA), e explicou que a participación económica dos regantes supera os 15,2 millóns de euros, incluíndo a parte correspondente ao custo da actuación e ao IVE. Segundo detallou, a Deputación de Ourense comprometeu unha achega de catro millóns de euros, distribuída en anualidades de 500.000 euros entre 2024 e 2031, mentres que a Xunta de Galicia xa destinou preto de sete millóns.

O dirixente provincial presentou este proxecto como exemplo da cooperación institucional que defende o Partido Popular e sinalou que a coordinación entre administracións permite afrontar actuacións de especial relevancia para o desenvolvemento económico e produtivo do rural. Neste contexto, Menor reivindicou a necesidade de que Ourense conte con servizos públicos, comunicacións e financiamento adecuados ás súas necesidades. “Os ourensáns non pedimos privilexios. Pedimos o xusto: ser coma os demais españois”, afirmou, incidindo en que a provincia necesita un Goberno central que coñeza o seu rural, a súa xente e as súas necesidades.

O presidente provincial tamén destacou a experiencia de Alberto Núñez Feijóo na Xunta de Galicia e a súa vinculación coa provincia, así como a composición das candidaturas populares ao Congreso e ao Senado, nas que se combina experiencia institucional, coñecemento das administracións e proximidade aos concellos. Menor concluíu lembrando a relación de Feijóo con Ourense e a confianza que, segundo sinalou, lle trasladaron os ourensáns ao longo da súa traxectoria política: “Ourense nunca lle fallou a Feijóo. E o 29 de novembro, Ourense tampouco lle vai fallar”.

Ana Belén Vázquez defende unha inmigración legal e vinculada ao emprego, con maior control das fronteiras e garantías para a convivencia

A cabeza de lista do PP ao Congreso por Ourense, Ana Belén Vázquez, centrou a súa intervención na política migratoria e nas propostas do Partido Popular para reforzar a seguridade nas fronteiras, mellorar a coordinación entre administracións e garantir unha inmigración ordenada.

“Propoñemos un modelo claro e ordenado, en liña cos nosos socios europeos. Centralizaremos a xestión nun mando único, reforzaremos o control das fronteiras e apostaremos por unha inmigración legal, regular e vinculada ao emprego”, afirmou a candidata popular.

Neste sentido, Vázquez defendeu unha política migratoria que diferencie entre as persoas que chegan a España para traballar e aquelas que cometen delitos. “Quen veña traballar, benvido sexa. Un inmigrante que veña delinquir, porta e de volta para o seu país”, sinalou.

A cabeza de lista ao Congreso insistiu na necesidade de desenvolver “unha política equilibrada que protexa os servizos públicos e garanta a convivencia de todos os españois”, ao tempo que cuestionou a xestión migratoria do Goberno de Pedro Sánchez e reclamou unha maior implicación do Estado no control das fronteiras e na cooperación cos países de orixe e tránsito.

José López Campos apela á experiencia de Feijóo para impulsar un cambio de rumbo en España

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, fixo fincapé na necesidade “de cambiar o rumbo do noso país e facelo da man dun xestor que xa demostrou en Galicia todo o que pode facer”.

Neste sentido, López Campos puxo en valor a experiencia de goberno de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galicia e animou a seguir sumando esforzos e ilusión “para conseguir que Alberto Núñez Feijóo sexa o vindeiro presidente do Goberno de España”.

Presenza da candidatura en Ourense e Allariz durante toda a xornada

A actividade electoral do PP de Ourense comezou pola mañá na capital provincial, onde Martín Gil e membros de Novas Xeracións instalaron unha mesa informativa nas inmediacións da Biblioteca Pública Nós, na rúa da Canle.

Tamén na cidade, Roberto González e Rosa Sánchez realizaron un percorrido polo centro do barrio do Couto, mentres que Rosa Quintana, Celso Delgado, Rosa Sánchez e Belén Iglesias participaron nunha mesa informativa en Novo Barrocás.

Pola súa banda, Celso Delgado percorreu as rúas Curros Enríquez e Sáenz Díez, dentro das actividades de proximidade desenvolvidas pola candidatura na capital.

En Allariz, Ana Belén Vázquez e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participaron na tradicional feira celebrada no Campo da Barreira, nunha nova actividade de contacto coa cidadanía.

Ao mediodía, Ana Belén Vázquez e outros integrantes das candidaturas ao Congreso e ao Senado acudiron á Feira Internacional de Turismo Enogastronómico Xantar, en Expourense.

A xornada tamén incluíu a participación de Rosa Quintana e Belén Iglesias no magosto organizado pola asociación veciñal A Follateira, así como a presenza de Roberto González e Rosa Sánchez no magosto da asociación veciñal Santa Cruz.

Xa pola tarde, Rosa Quintana, Celso Delgado e Rosa Sánchez participaron nunha nova mesa informativa na rúa do Paseo, nas inmediacións da Subdelegación de Defensa.

A actividade electoral completouse coa presenza de membros da candidatura popular nos magostos celebrados en Maside e Xunqueira de Espadanedo, así como no de Trasmiras, ao que asistiu o presidente provincial, Luis Menor, ademais do acto central de campaña desenvolvido en Xinzo de Limia.

Comparte este artigo