María José Gómez salienta que o futuro viño galego pasa por coidar a calidade, innovar, diversificar e adaptarse ao que pide o consumidor

Redacción
  • A conselleira do Medio Rural participou hoxe en Cambados na xornada de convivencia da adega Paco & Lola
  • Animou a consolidar a boa posición actual deste sector e puxo en valor a súa contribución á conservación da paisaxe, á xeración de actividade económica, emprego e futuro e ao coidado do territorio

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na xornada de convivencia da adega Paco & Lola, que tivo lugar en Cambados. Neste acto, destacou que o futuro do sector galego do viño “pasa por coidar a calidade por riba da cantidade, innovar, diversificar e adaptarse ao que pide o consumidor, sen perder nunca a identidade”.

Nesta liña, Gómez celebrou a “gran vendima” rexistrada este ano en Galicia, unha colleita que en case un 60 % correspondeu á Denominación de Orixe Rías Baixas e algo polo que -salientou- os viticultores e adegueiros poden estar “moi orgullosos”. Por iso, animou aos representantes do sector a consolidar este éxito, na medida en que o Albariño das Rías Baixas “xa é unha referencia dentro e fóra de Galicia”, de forma que se lle sigan “abrindo portas polo mundo”.

Ao tempo, a conselleira puxo en valor a contribución do eido vitivinícola á conservación da paisaxe, á xeración de actividade económica, emprego e futuro e ao coidado do territorio, polo que reafirmou o apoio da Xunta a este sector. Concluíu, neste sentido, que “cada botella que sae de Paco & Lola leva moito más ca un gran Albariño; leva o traballo de moita xente, a identidade das Rías Baixas e o espírito de Galicia Calidade polo mundo adiante”.

Comparte este artigo