O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou na XXV Festa do Viño Novo da Teixeira, onde felicitou ao Concello e á veciñanza por manter viva durante un cuarto de século unha celebración que xa é un referente gastronómico e cultural da provincia.
Menor destacou que o viño novo é o primeiro froito da colleita e reflicte o esforzo de todo un ano na viña e nas adegas. O presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación cos concellos do rural e puxo en valor a capacidade desta festa para atraer visitantes e dar a coñecer o traballo do sector vitivinícola da Ribeira Sacra.

