• A lectura do manifesto, acompañada polo alumnado dos centros educativos e dun cuarteto do Conservatorio de Música da Guarda, terá lugar ás 12:30 horas
O Concello da Guarda, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convoca á veciñanza a participar na concentración e lectura do manifesto institucional que terá lugar mañá, mércores 25 de novembro, ás 12:30 horas, na Casa dos Alonso.
Baixo o lema “Mans que se unen, voces que non calan contra as violencias machistas”, esta convocatoria pretende visibilizar o rexeitamento colectivo a todas as formas de violencia contra as mulleres e reafirmar o compromiso institucional e social coa igualdade, o respecto e a erradicación das violencias machistas.
O acto central consistirá na lectura do manifesto institucional, nunha xornada que contará coa participación do alumnado dos centros educativos da Guarda, así como coa actuación musical dun cuarteto do Conservatorio de Música da Guarda.

