· O presidente provincial; Luis Menor, pide “máxima intensidade” nos cinco días que restan ata o 29N e marca como obxectivo que Ourense sexa a provincia que máis apoio lle dea a Feijóo en toda España
· A cabeza de lista ao Congreso, Ana Belén Vázquez, denuncia os incumprimentos do Goberno de Sánchez con Valdeorras e afirma que “o domingo comeza a reconstrución nacional”
· Xosé Merelles reivindica a coordinación entre a Xunta e a Deputación como exemplo de xestión e reclama para Valdeorras solucións aos seus problemas
· Celso Delgado denuncia que a circunvalación do Barco segue sen data de remate, que o primeiro tramo da A-76 continúa sen licitar e que as demoras e cancelacións lastran o servizo ferroviario
· O mitin e o encontro coa veciñanza do Couto pechan unha xornada de campaña con percorridos e mesas informativas nos barrios da cidade
O PP de Ourense reclamou esta tarde no Barco un cambio de goberno que chegue tamén a Valdeorras e permita desbloquear as infraestruturas que a comarca leva anos agardando. O presidente provincial, Luis Menor, participou no mitin do Teatro Lauro Olmo xunto á cabeza de lista ao Congreso, Ana Belén Vázquez, e a Celso Delgado e Xosé Merelles.
A cinco días das eleccións, Menor pediu “máxima intensidade” para poñer fin ao que cualificou de “oito anos de absoluto esquecemento de Ourense por parte de Sánchez”. O presidente provincial criticou tamén a incapacidade do BNG para defender os intereses da provincia e chamou a concentrar o voto no PP para levar a Alberto Núñez Feijóo á Moncloa. “As enquisas dannos ánimo, pero só iso: ánimo. Aquí non hai nada gañado”, advertiu.
Menor lembrou que o PP obtivo no Barco o 48,5 % dos votos nas xerais de 2023 e o 51,7 % nas autonómicas de 2024. Con eses resultados como referencia, marcou o obxectivo para o domingo: “Quero que Ourense sexa a provincia que máis apoio lle dea a Alberto Núñez Feijóo en Galicia e en toda España”. O presidente provincial apelou á mobilización de militantes e simpatizantes e reivindicou o compromiso de cumprir coa palabra dada: “Os votos pídense e logo devólvense cumprindo as promesas”.
Ana Belén Vázquez sitúa o 29N como o inicio dunha nova etapa
Antes do mitin, Ana Belén Vázquez compareceu ante os medios para denunciar os incumprimentos do Goberno de Sánchez coa comarca e reclamou a necesidade de mudar a situación na Moncloa para poder desbloquear as infraestruturas e proxectos pendientes e nedesarios para Valdeorras. A cabeza de lista ao Congreso afirmou que o 29N se votará para “reverter a decadencia que hipoteca o futuro de España”.
“Necesitamos un cambio ou non haberá volta atrás. Esta é a última semana do sanchismo. O domingo comeza a reconstrución nacional. Non imos fallar”, afirmou Vázquez.
Celso Delgado denuncia os atrasos na circunvalación do Barco e na A-76
Celso Delgado destacou a contribución decisiva de Valdeorras ao crecemento económico da provincia e denunciou que ese peso non se corresponde cos investimentos do Estado na comarca. Como exemplo, sinalou a circunvalación do Barco, unha obra de cinco quilómetros que, segundo indicou, segue no 69 % de execución sete anos despois da colocación da primeira pedra. Delgado lembrou que debía estar rematada en setembro de 2022 e denunciou que continúa sen data de finalización.
O candidato ao Congreso criticou tamén que, malia os compromisos anunciados, o primeiro tramo da autovía A-76 continúe sen licitar. Esa demora, explicou, mantén a comarca dependente da N-120 para a súa conexión con Ourense, nunha estrada que require reparacións recorrentes e na que seguen pendentes de licitación os carrís de adiantamento previstos entre Os Peares e Ourense.
En materia ferroviaria, Delgado lembrou que a supresión da parada matinal na estación de alta velocidade da Gudiña impediu durante practicamente un ano que a veciñanza de Valdeorras, Verín ou Viana puidese viaxar a Madrid pola mañá e regresar no mesmo día. Reivindicou as iniciativas parlamentarias do PP e o seu apoio á plataforma que reclamou a recuperación do servizo. Tamén denunciou a antigüidade do material que Renfe emprega no único servizo rexional entre Ourense e Ponferrada e os atrasos, cancelacións e transbordos a autobús que sofren os seus usuarios.
Delgado reivindicou o potencial da lousa, do comercio, do viño, da castaña e do sector forestal e defendeu que o cambio de goberno debe traducirse en investimentos acordes coa actividade económica de Valdeorras.
Merelles reivindica a coordinación entre institucións
Xosé Merelles puxo a colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense como exemplo de xestión eficaz e próxima á cidadanía. En clave comarcal, reclamou respostas concretas aos problemas do Barco e de Valdeorras. “Valdeorras precisa políticos capaces de xestionar, estar ao pé dos problemas e da cidadanía para resolvelos”, afirmou.
Mitin no Couto e campaña nos barrios de Ourense
Na cidade, a xornada culminou cun mitin na Asociación Veciñal do Couto no que participaron Roberto González, Miguel Ángel Santalices, Rosa Sánchez, Ana Méndez e José González. Ao longo do día, o PP realizou percorridos por Covadonga, Barrocás, O Vinteún e Santa Teresita e Mariñamansa. Rosa Sánchez visitou os comercios do Couto e Miguel Ángel Santalices mantivo un encontro coa Federación Provincial de Asociacións Veciñais Limiar. A candidatura instalou tamén mesas informativas na rúa do Paseo, pola mañá e pola tarde, e en Peña Trevinca.
A campaña provincial estendeuse á Arnoia, onde Román Rodríguez se reuniu coa comunidade educativa do CEIP San Salvador, e a Castrelo de Miño e Ribadavia, onde participou en percorridos por ambas localidades.

