Están previstas actuacións en 11 tramos de oito concellos da ruta francesa: Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide e Santiago de Compostela
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio de trámite de información pública do proxecto de trazado dos treitos comúns do Camiño Francés no marco do Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago co que a Xunta está a traballar para evitar que as persoas peregrinas e usuarios en xeral transiten polas zonas de circulación de vehículos nas rutas xacobeas.
O anuncio publicado este xoves contempla a mellora da seguridade viaria en 11 tramos nos que o itinerario coincide coa circulación rodada. Para solucionar este problema e garantir a seguridade das persoas, proponse a creación de sendas segregadas, beirarrúas ou itinerarios alternativos.
Coa apertura do prazo de consulta pública, as persoas interesadas poden formular a Turismo de Galicia as alegacións que crean convenientes sobre as actuacións previstas. En concreto, o proxecto afecta a 285 propiedades en oito concellos da ruta francesa: Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide e Santiago de Compostela.
As persoas interesadas en formular alegacións dispoñen de 30 días hábiles, contando a partir de mañá venres 27. A documentación do proxecto e a relación individual de bens, dereitos e propietarios está dispoñible na web, na sede central de Turismo de Galicia, nas Áreas Provinciais de Turismo da Coruña e de Lugo e nos concellos afectados.
Plan de seguridade viaria dos Camiños de Santiago
O anuncio enmárcase no Plan de seguridade viaria dos Camiños de Santiago, que a Xunta ten en marcha cun investimento global de máis de 40M€ e actuacións en máis de 150 quilómetros das nove rutas xacobeas terrestres. Ata o de agora, pasaron este mesmo trámite o Camiño Primitivo, o Camiño de Fisterra-Muxía, o Camiño de Inverno, o Inglés, o Portugués e o do Norte.

