O Goberno Local esixe á Xunta de Galicia que cumpra con Soutomaior e faga canto antes o centro de saúde de Arcade

Redacción

O Concello de Soutomaior amosa a súa sorpresa ante este novo atraso e denuncia que a veciñanza podería non contará coa infraestrutura, segundo o cronograma comunicado pola Xunta, ata o ano 2030-2031

O Concello de Soutomaior recibiu a comunicación do SERGAS na que se informa da prorroga durante catro anos máis do convenio para a construción do novo Centro de Saúde de Arcade, asinado no ano 2022.
Esta decisión supón un novo atraso para unha infraestrutura sanitaria que a Xunta de Galicia leva anos anunciando e que, segundo o cronograma trasladado agora pola propia Administración autonómica, podería non estaría dispoñible para a veciñanza de Soutomaior ata os anos 2030-2031.
O Goberno municipal considera especialmente grave esta situación, xa que supón incumprir os compromisos recollidos no convenio asinado en 2022 e prolongar durante anos a espera por un equipamento considerado prioritario para o municipio.
Ademais, a Xunta de Galicia solicitou ao Concello de Soutomaior a sinatura desta prórroga do convenio, trasladándolle así a necesidade de ampliar outros catro anos os prazos inicialmente establecidos para a construción do novo centro de saúde. Unha petición que sorprende ao Goberno local, tendo en conta que o Concello cumpriu cos compromisos asumidos e puxo á disposición da Administración autonómica os terreos necesarios para executar a actuación.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, amosou a súa sorpresa ante esta nova comunicación e lembrou que o Concello fixo os deberes e puxo á disposición da Xunta os terreos necesarios para a actuación. “Desde que tomou posesión o actual Goberno municipal, en apenas un ano fomos capaces de desbloquear unha situación que levaba case tres anos paralizada e completar os trámites necesarios para poñer os terreos á disposición da Xunta”, explicou Lourenzo.
Neste sentido, o alcalde sinalou que o Concello entregou á Xunta as referencias catastrais dos terreos e que a Administración autonómica non aceptou formalmente estes terreos ata xaneiro de 2025, aproximadamente seis meses despois de que o Concello os puxese á súa disposición.
“En 2024 a Xunta xa tiña a posibilidade de avanzar na construción do Centro de Saúde de Arcade. O Concello cumpriu coa súa parte, pero agora comprobamos que, por algún motivo, esta infraestrutura non foi considerada unha prioridade pola Xunta”, lamentou o alcalde.
Seis anos despois, máis atrasos
Manu Lourenzo lembrou tamén que xa no ano 2021 a Xunta de Galicia anunciaba investimentos e partidas para o futuro Centro de Saúde de Arcade, polo que considera especialmente difícil de entender que, seis anos despois, non só non se materializase a infraestrutura, senón que agora se soliciten outros catro anos de prórroga.
“Estamos falando dunha infraestrutura que a Xunta leva anunciando desde hai anos. Primeiro falábase de investimentos e de prazos, despois asinouse un convenio no ano 2022 e agora comunícannos que precisamos catro anos máis. Isto significa que a veciñanza de Soutomaior terá que seguir agardando ata 2030 ou 2031”, sinalou Lourenzo.
Lourenzo insistiu en que o Concello seguirá traballando para desbloquear todas estas actuacións e reclamará á Xunta de Galicia que cumpra cos seus compromisos e axilice os trámites dos que é responsable. “O Concello sempre estará disposto a colaborar, pero a veciñanza non pode seguir pagando os atrasos”. O alcalde deixou claro que o Goberno municipal manterá unha actitude de colaboración con todas as administracións, independentemente da súa cor política, sempre que exista un compromiso real coa veciñanza. “O Goberno de Soutomaior vai traballar man con man con calquera administración que poña por diante os intereses das veciñas e dos veciños. Pero colaborar non significa calar ante os atrasos nin aceptar que unha infraestrutura sanitaria anunciada durante anos se vaia atrasando ata 2030 ou 2031”, afirmou.
“A nosa obriga é defender os intereses de Soutomaior e esixir que se cumpran os compromisos adquiridos. A veciñanza merece un novo Centro de Saúde de Arcade e merece tamén que se lle dea unha data real e que se cumpra cos prazos comprometidos”, concluíu Manu Lourenzo.

Comparte este artigo