O Concello de Ponteareas celebra o Black Friday cunha tarde de lecer, música e xogos para impulsar o comercio local

Redacción

• O alumnado-traballador do programa ‘Compromiso Xuvenil II’ organizará este venres 27 de novembro na Praza Bugallal unha xornada con actividades infantís, xogos populares, animación e premios para consumir nos establecementos da vila

Ponteareas celebrará este venres 27 de novembro o Black Friday cunha tarde dedicada ao lecer, á participación e á promoción do comercio de proximidade.

A iniciativa, impulsada polas concellerías de Comercio e Emprego no marco da Xornada de Dinamización Comercial e Lecer Infantil Black Friday 2026, desenvolverase baixo a carpa da Praza Bugallal, en horario de 17:00 a 23:00 horas, e estará organizada polo alumnado-traballador do Programa de Formación e Emprego Talento Mozo ‘Compromiso Xuvenil II’.

A proposta combina actividades para diferentes públicos cun obxectivo común: dinamizar a vila, atraer público ás rúas e animar a veciñanza a descubrir e apoiar os establecementos locais. A través dunha programación que une diversión, creatividade e tradición, o Concello busca converter esta xornada nun punto de encontro para familias, infancia e mocidade.

Unha tarde de xogos, creatividade e premios

A programación incluirá o obradoiro infantil ‘Colorea o noso patrimonio’, no que os nenos e nenas poderán achegarse aos elementos máis representativos do patrimonio de Ponteareas a través da creatividade. Tamén haberá xogos populares e obradoiros de outono para recuperar tradicións e compartir momentos de diversión.

A mocidade contará con propostas específicas de animación, como o Bingo Musical e o Trivia Flash. Ademais, a Ruleta Black Friday permitirá ás persoas participantes probar sorte e conseguir vales de compra para gastar nos establecementos comerciais da vila, con descontos especiais.

A xornada estará acompañada de sabores propios desta época do ano, coa promoción de produtos e tradicións gastronómicas como as rosquillas de Ponteareas, as castañas asadas e o chocolate quente.
Formación e emprego ao servizo da vila

A organización desta actividade constitúe tamén unha oportunidade para que o alumnado-traballador de ‘Compromiso Xuvenil II’ aplique os coñecementos adquiridos durante a súa formación nunha iniciativa aberta á cidadanía e con repercusión directa na vida social e económica do municipio.

O programa permite á mocidade participante mellorar a súa cualificación profesional, descubrir novas saídas laborais e adquirir experiencia práctica en ámbitos vinculados ao turismo, á educación e á intervención social. As especialidades formativas que se imparten son Promoción turística local e información ao visitante (HOTI0108); Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil (SSCB0209); Dirección e coordinación de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil (SSCB0211), e Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade.

As concellerías de Emprego e Comercio apostan así polo traballo transversal entre formación, dinamización económica e participación cidadá, promovendo oportunidades para a mocidade e reforzando o comercio local como elemento esencial da vida da vila.

Desde o Concello convídase a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta xornada e aproveitar a ocasión para gozar dunha tarde diferente, apoiar os negocios de proximidade e descubrir todo o que ofrece Ponteareas.

Actividade cofinanciada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), e a Unión Europea, no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Comparte este artigo