A alcaldesa de Ribeira presenta con A Creba a terceira edición do concurso de relatos breves Ecos da Mente

Redacción

 Establécense catro categorías dotadas dun único premio de 120 euros cada unha para gastar no comercio local

Dar visibilidade á saúde mental e eliminar os estigmas sobre esta realidade a través da escrita. Este é o obxectivo da terceira edición do concurso de relatos breves Ecos da Mente que convocan o Concello de Ribeira e A Creba. No acto de presentación participaron a alcaldesa, María Sampedro; a concelleira de Promoción Económica, Carmen Pérez; a secretaria de A Creba, Isabel Fernández; a psicóloga do centro ribeirense, Montse Vila; a educadora social, Nereida Rivero.
“É preciso un traballo conxunto entre as administracións, entidades e sociedade para visibilizar e sensibilizar sobre a saúde mental que, por certo, se conmemora no 10 de outubro, polo que A Creba impulsa tamén unha andaina solidaria”, en palabras da rexedora. Sampedro
tamén amosou o “compromiso inquebrantable deste goberno coa saúde mental, de grandes a pequenos.” Neste senso, referiuse a que un dos puntos da orde do día do Pleno ordinario do mes de setembro versaba, en boa medida, sobre fomentar actividades que poñan o foco sobre a saúde mental, no que se insistía na necesidade dese traballo conxunto entre ambas parte, se ben non deu tempo a debatelo e quedará para outra sesión plenaria.

Pola súa parte, a edil explicou que os premios serán un único premio por modalidade de 120 euros en vales de compra para trocar no comercio local.

Dinámica do concurso

A temática desta convocatoria do certame xira arredor dos prexuízos nos problemas de saúde mental: como nos afecta ter ideas preconcibidas sobre os problemas de saúde mental, como os vemos na sociedade, que efecto ten xulgar ás persoas porque teñen enfermidades mentais, etcétera.

Establécense catro categorías: diversa (para persoas con diversidade funcional con máis de 16 anos), adulta (para persoas de máis de 30 anos), xuvenil (para persoas de 16 a 30 anos) e adolescente (para persoas de entre 12 e 16 anos).

Os traballos realizaranse en galego, deben ser orixinais e inéditos e cunha extensión máxima de 1.000 palabras.
A presentación dos mesmos farase mediante correo electrónico á Asociación Saúde Mental A Creba a través do enderezo acrebabarbanza@acreba.org. Nun documento, en formato PDF, enviarase o citado traballo, que irá asinado cun pseudónimo ou alcume para garantir o anonimato no momento de ser examinados polo xurado. Noutro documento, en formato PDF ou Word, achegarase o nome do traballo, nome e apelidos do autor/autora, DNI, data de nacemento, enderezo electrónico, enderezo postal e teléfono de contacto. Deberase enviar asinado o documento sobre consentimento en materia de protección de datos.

O prazo de presentación remata no 30 de outubro e a entrega dos premios realizarase na sede de A Creba, en Ribeira, no 18 de novembro.

O xurado estará composto por ter persoas con coñecementos en materia e literatura. A maiores haberá un secretario ou unha secretaria con voz pero sen voto.

Andaina solidaria

A segunda andaina pola saúde mental a favor de A Creba desenvolverase no sábado, 10 de outubro, con saída ás 17.00 horas da praza do Centenario. O prezo da inscrición é de 5 euros e pódese formalizar na sede ribeirense, o mesmo día do evento ou en www.cronotec.es.

Comparte este artigo