O BNG de Carballo organiza unha homenaxe aberta a Evencio Ferrero ao cumprirse un ano da súa despedida da Alcaldía

Redacción

O acto celebrarase o venres 9 de outubro, ás 20.00 horas, no Pazo de Vilar de Francos e contará coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón

O BNG de Carballo organiza unha homenaxe aberta a Evencio Ferrero para recoñecer a súa longa traxectoria de compromiso político, persoal e social con Carballo. Será o venres 9 de outubro, ás 20.00 horas, no Pazo de Vilar de Francos.

O encontro terá lugar un ano despois da súa despedida da Alcaldía e da corporación municipal. Evencio Ferrero pechou o 4 de outubro do 2025 unha etapa excepcionalmente longa na vida pública local: 46 anos como membro da corporación municipal, desde 1979, e 22 anos como alcalde de Carballo.

A homenaxe pretende ir máis alá do recoñecemento á súa etapa á fronte do Concello e ofrecer unha mirada ampla sobre unha vida estreitamente vinculada a Carballo e ao proxecto municipal do BNG.

No acto estará presente a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto con persoas que acompañaron a Evencio Ferrero ao longo das diferentes etapas da súa traxectoria persoal e pública.

Desde o BNG de Carballo queremos que sexa unha homenaxe aberta, próxima e compartida, na que poidan participar tamén veciños e veciñas que coincidiron con Evencio Ferrero ao longo de máis de catro décadas de vida pública.

Por este motivo, o acto estará aberto a toda a veciñanza ata completar a capacidade do restaurante.

As reservas poden realizarse a través do correo electrónico carballobng@gmail.com ou no teléfono 618 745 456 ata o domingo 4 de outubro.

Comparte este artigo