HomeA CoruñaA alcaldesa Goretti Sanmartín reivindica como "proxecto de cidade" a futura Facultade...

A alcaldesa Goretti Sanmartín reivindica como “proxecto de cidade” a futura Facultade de Farmacia e lembra as pioneiras desta especialidade

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou este mércores no acto simbólico de colocación da primeira pedra da futura Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No acto, entre outras persoas, tamén participaron o reitor da institución académica, Antonio López, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Na súa intervención, a rexedora compostelá reivindicou a importancia desta facultade para a capital galega, un proxecto non só para a comunidade universitaria, senón “de cidade”. “Este é un proxecto moi importante para o conxunto de Santiago de Compostela por iso é que todas as administracións que estamos aquí presentes temos que remar na mesma dirección para que sexa unha realidade”, destacou Goretti Sanmartín, quen defendeu que Santiago é un concello que “sempre foi de coidados, ao abeiro do ámbito sanitario, situando no centro da maneira de ser de Santiago o coidado das persoas”.

A alcaldesa puxo en valor a relevancia desta facultade e de todo o campus científico son “exemplos paradigmáticos da transferencia de coñecemento e a vinculación coa sociedade” e con Compostela. E ademais de poñer énfase no cambio físico da propia facultade, falou dos “cambios importantes a nivel social” coa “transformación” que foi experimentando coa incorporación das mulleres á universidade. Neste sentido, fixo unha lembranza especial para todas as pioneiras desta disciplina e con iso facer “un recoñecemento a todo o que hai detrás desta primeira pedra”, citando a Manuela Antonia Barreiro Pico ou Maruxa Panisse, que abriron camiño a outras mulleres nun momento histórico no que tiñan impedimentos como a necesidade de contar con permisos paternos para estudar ou que trouxeron a “liberdade” ás mulleres. E chegou ao momento actual, onde temos “a investigadoras de máximo nivel e de prestixio” na investigación, que simbolizou en Mabel Loza, galardoada coa Alba de Compostela en 2024.

Aprobación en Xunta de Goberno

Finalmente, a rexedora compostelá volveu tender a man da administración municipal para facilitar e facer que sexa posible que esta obra sexa unha realidade canto antes e animou a rematar esta primeira fase e a continuar para que a Cidade da Saúde “sexa unha realidade”.

Tanto o reitor coma o equipo de arquitectos gañador agradeceron ao Concello a boa disposición para a tramitación do proxecto e o resto de pasos administrativos. A Xunta de Goberno Local aprobou en setembro a licenza para a construción desta nova facultade, fase I do Centro de Ciencias da Saúde.

O proxecto foi redactado polos arquitectos Alfredo Freixedo Alemparte, Pedro Diéguez Iglesias, Celso Martín López e Jorge Salgado Cortizas e prevé un orzamento para a execución material da obra de 16,5 millóns de euros. A superficie construída total será de algo máis de 14.000 m2 (14.463 m2) cunha ocupación en planta de 2.274.

Publicacións Relacionadas