Abegondo logra a concesión dun novo obradoiro de emprego, conxunto con Bergondo, Carral, Oza Cesuras, Paderne e Sada

Redacción
Lectura mínima de 3

• A Xunta concede 483.000 euros para a iniciativa que formará a 20 persoas desempregadas
• O Concello rehabilitará a Casa do Lagoeiro, mellorará o centro social de Meangos e promoverá plantacións en áreas verdes

O Concello de Abegondo recibiu a notificación oficial da concesión do obradoiro de emprego dual “RESERVA DE BIOSFERA: EMPREGO VERDE V”, unha iniciativa orientada á inserción laboral e a formación profesional en sectores vinculados á sustentabilidade e a construción.

O proxecto, liderado por Abegondo desenvolverase de forma conxunta cos municipios de Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada. É a quinta edición deste taller de emprego, que busca aproveitar as oportunidades de actividade económica que outorga Mariñas Coruñesas.

A resolución da Consellería de Emprego concede unha contía global de 483.552 euros. Esta cifra desagrégase en 454.552 euros destinados a cubrir os custos de formación e os salarios dos alumnos-traballadores e 29.000 euros reservados especificamente para incentivos á contratación laboral tras a finalización do taller.

Un total de 20 alumnos-traballadores, en situación de desemprego, beneficiaranse deste programa, que terá unha duración de 9 meses. A data oficial de inicio está fixada para o 1 de xuño de 2026.

Especialidades formativas e actuacións no municipio

O taller dividirase en dúas grandes áreas de especialización, con 10 alumnos en cada unha: Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e Operacións auxiliares de albanelería e revestimentos en construción.

Grazas a este programa, os municipios acollerán importantes obras de mellora e mantemento na contorna. No caso do Concello de Abegondo destacan, entre outras, a rehabilitación da antiga Casa do Lagoeiro, en Xeixade, a mellora do local social de Meangos, e diversas actuacións de xestión de biomasa e plantación de frondosas en lugares como Ou Monte ou Sarandós.

“Cos obradoiros de emprego apostamos pola creación de oportunidades laborais de calidade que, ao mesmo tempo, contribúan á conservación do patrimonio natural e arquitectónico”, explica o alcalde, José Antonio Santiso.

O taller non só busca mellorar a empregabilidade dos participantes a través de certificados de profesionalidade, senón que fomenta o desenvolvemento sostible dentro do marco de Mariñas Coruñesas. Neste sentido, Santiso destaca “o compromiso común dos 6 concellos pola Reserva de Biosfera como sinerxía inigualable no territorio”.

Comparte este artigo