Este pasado xoves 18, o Centro Cultural Lustres Rivas acolleu un acto organizado pola A. C. Altofalante, onde tivo lugar a presentación do libro “Castelao, desta terra e deste tempo”.
O acto comezou coa intervención da Vicepresindenta da entidade, Iria Casais, quen presentou este acto dentro das actividades que se desenvolven ao longo do país dentro do denominado “Ano Castelao”, con motivo do 75 aniversario do pasamento do nacionalista galego, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A través da presentación da obra “Castelao, desta terra e deste tempo”, “pretendemos revisitar a vida e obra dunha das figuras máis influentes do S.XX do nacionalismo galego, dende un punto de vista puro e pedagóxico, co que se pretende esclarecer moitas das cuestións que rondan a súa figura”.
A continuación, interviu Luís Pérez, Alcalde de Ribeira, quen vencellou algunha das cuestións que Castelao formulou, coa vixencia que poden ter na actualidade do noso país. En especial, sinalou o tema da emigración, facendo fincapé na estampa “En Galiza no se pide nada. Emígrase”, “na actualidade podemos ver como Galiza segue sendo un país que obriga aos mozos e mozas a emigrar, que por diversas cuestións, xa sexan empregos dignos, condicións salariais acordes que lle permitan emanciparse ou a cuestión da vivenda entre outras, fan que os sectores máis mozos da sociedade teñan que buscar o seu futuro fora do país. Preocupacións todas estas, que aborda Castelao, e que o nacionalismo galego hoxe en día traballa e propón alternativas para facer deste país un lugar mellor para vivir e traballar porque somos un país rico e con moito potencial como tamén acreditaba Castelao”. Finalmente, interviu Manuel Rei, autor da obra, quen debullou a obra e vida de Castelao. “El foi unha persoa que sempre tivo presente as clases populares, e que quixo formar parte dun grupo de persoeiros que tiña conciencia do que significaba o noso país, e sobre os padecementos que estaban tendo esas clases populares. A súa arte dende un primeiro momento, non se pode desvincular do plano político, porque é unha arte politicamente comprometida, que lle serve para expoñer esa realidade e para entender o que tiña que ser unha verdadeira democracia de base popular; por ende, o que estamos vendo co baleirado de contido da súa figura a unha simple faceta artística, por parte das institucións, é unha deturpación, neutralización do que el realmente simbolizaba”.