Carballo presenta a XIX Semana do Libro e a Lectura como un motor de liberdade e creatividade fronte aos retos tecnolóxicos

Redacción
Lectura mínima de 4

O Concello de Carballo deu a coñecer hoxe a programación da XIX Semana do Libro e a Lectura, que se celebrará entre o 16 e o 24 de abril. Esta edición, dedicada á música , reafirma o compromiso da localidade coa cultura e o desenvolvemento infantil a través das artes.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou que esta semana será “unha viaxe pola maxia, pola lectura, pola aprendizaxe, polo humor e pola risa”. Pérez salientou que ler é fundamental para aprender a ser persoas e participar activamente na sociedade.
Pola súa banda, a concelleira de Bibliotecas, Arquivo e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, puxo o foco no papel da biblioteca como un “espazo seguro onde as nosas crianzas se desenvolvan e medren con alegría, rodeadas de libros e historias que forxen a súa personalidade”.
Ana Pérez Rico, presidenta da AS-PG, subliñou a importancia estratéxica da lectura no contexto actual. “Nunha época na que a intelixencia artificial está copando moitos espazos, a lectura vai ser a ferramenta principal para que as nosas crianzas teñan unha vida adulta con menos manipulación e máis libre”. Pérez Rico agradeceu tamén a colaboración do Concello, a Fundación Luis Calvo Sanz e os centros educativos implicados.
PROGRAMA COMPLETO DE ACTIVIDADES
OBRADOIROS NOS CENTROS DE ENSINO (16 e 17 de abril)

  • “Pedra, papel… poema!” con Nuria Vil: Obradoiro de escrita poética tomando como referencia cancións e ritmos.
  • Creación de instrumentos musicais con Makey Makey (Maker Store): Aprendizaxe de electrónica básica, condutividade e programación con Scratch.
    ACTIVIDADES PARA OS COLES NA BIBLIOTECA REGO DA BALSA E NO PAZO DA CULTURA
  • Luns, 20 de abril: Obradoiro de imprenta tipográfica con Alouette Machine. Creación de carteis e vinilos de música mediante técnicas artesanais.
  • Martes, 21 de abril: Cacho animalada! con Vero Rilo e Luis Iglesias. Contos, música e movemento para toda a familia.
  • Mércores, 22 de abril: Coralinda de Elefante Elegante. Espectáculo visual e sonoro sobre a alegría e a cor.
  • Xoves, 23 de abril: Maxia divertida: contamaxias co Mago Paco. Un fío condutor máxico para fomentar o gusto pola lectura.
  • Venres, 24 de abril: Brincadeiras da lingua con Migallas Teatro. Recitados e ditos da literatura popular infantil galega.
    TARDES DE CONTOS E MÚSICA (Abertas ao público – 18:00 h)
    As seguintes actividades requiren inscrición previa a través da axenda de carballo.gal:
  • Luns 20: O tigre que veu tomar o té e outros contos para merendar – Soledad Felloza (todas as idades)
  • Martes 21: Contos para orellas abertas – Pavís Pavós (nenos/as a partir de 4 anos)
  • Mércores 22: Moito conto – Ana Prema (nenos/as de 1 a 4 anos)
  • Xoves 23: Ledicias – Mago Paco (todas as idades)
  • Venres 24: Brincadeiras da lingua – Migallas Teatro (todas as idades)
    EXPOSICIÓNS PERMANENTES
  • Lugar: Biblioteca Rego da Balsa.
  • Contido: Traballos elaborados polo alumnado dos centros de ensino de Carballo.
  • Horario: Abertas polas tardes para o público en xeral.
Comparte este artigo