O Concello de Ribeira traballa na mellora e embelecemento dos espazos verdes do municipio así como na creación doutros novos. A brigada de Xardíns realizou recentemente plantacións para renovar e enriquecer as zonas axardinadas, engadindo novas especies que contribúen á súa beleza e biodiversidade.
Na zona das Avesadas, introducíronse novas plantas ornamentais que achegan cor e frescura ao entorno da pista deportiva que hai na Casa da Xuventude, mentres que nas Carolinas levouse a cabo a plantación de novas árbores, creando un espazo máis verde e acolledor. En breve tamén está prevista a plantación de árbores e ornamentación na rúa Mendiño que une a praza de España coa praza Uxío Novoneyra e tamén na rúa Barbanza a carón do auditorio.
Con estas accións, o Concello de Ribeira reafirma o seu compromiso co coidado do medio ambiente e coa creación de lugares públicos máis verdes e, por tanto, máis agradables para veciñanza e turistas.