A intervención conta cun orzamento de máis de 25.000 euros co obxectivo de garantir a durabilidade do muíño e o seu valor histórico
O Concello da Coruña restaurará o muíño de Santa Margarida, un dos elementos etnográficos de maior relevancia do parque. A actuación vai na liña doutras actuacións acometidas polo Goberno de Inés Rey para a posta en valor do patrimonio local e a recuperación do Parque de Santa Margarida.
A alcaldesa, Inés Rey, explicou que o deterioro do muíño responde especialmente a súa cuberta, o que afecta á conservación dos mecanismos internos. “A cuberta está bastante danada o que, por filtracións de auga e outros fenómenos pode poñer en perigo a conservación do mecanismo de moenda” sinalou a alcaldesa. Nese sentido, o Concello decidiu actuar sobre a cuberta para frear o deterioro da estrutura.
En primeiro lugar retiraranse as táboas deterioradas e vaise substituír a lámina protectora de PVC para asegurar a estabilidade da cuberta. Substituiranse os paneis por contrachapado de bidueiro, respectando o deseño orixinal. Ademais, cambiaranse as carpintarías das ventás para instalar vidros laminados de seguridade e os elementos metálicos da cuberta protexeranse con pintura ao esmalte, resistente á intemperie. A intervención, cun orzamento de máis de 25.000 euros, garantirá a durabilidade do muíño e o seu valor histórico.
A alcaldesa lembrou que o Concello acometeu diversas actuacións para a recuperación de elementos históricos da cidade, como os Xardíns de Méndez Núñez, os reloxos históricos ou o Obelico Millenium xunto co Quiosco Down da Praza de Ourense.