Home A Coruña A exposición informativa sobre o autismo da Fundación Amicos poderá visitarse esta...

A exposición informativa sobre o autismo da Fundación Amicos poderá visitarse esta semana na praza Teodomiro Hidalgo de Lousame

- Anuncio -

Teresa Villaverde animou a veciñanza a visitar a mostra para “dar a coñecer algo que está aí sempre pero que sigue sendo descoñecido, como é o autismo, e normalizalo dentro da nosa sociedade”

A praza Teodomiro Hidalgo de Lousame acolleu esta mañá a inauguración da exposición informativa sobre o autismo da Fundación Amicos, que remata esta semana en Lousame a súa itinerancia polos distintos concellos do Barbanza. Un percorrido iniciado o pasado 2 de abril en Ribeira e que permitiu achegarlle información sobre o TEA á veciñanza da comarca. Poderá visitarse na praza do concello de Lousame ata o vindeiro 12 de maio.

A mostra foi inaugurada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; quen estivo acompañada polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey; a vicepresidenta da Fundación Amicos, Digna Iglesias; e os concelleiros de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e Obras, Ramón Martínez. Villaverde Pais destacou a importancia desta iniciativa xa que “dá a coñecer algo que está aí sempre pero que sigue sendo descoñecido, como é o autismo, e normalizalo dentro da sociedade. Todos tesmos as nosas particularidades e o autismo tamén ten as súas”.

Normalización entre a rapazada

A alcaldesa de Lousame agradeceu a presenza na inauguración dun grupo de alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro e do Centro de Educación Especial de Amicos, que realizaron un xogo do pasapalabra sobre o TEA e deron lectura a un manifesto. “Estamos encantados de tervos aquí e aos representantes do centro educativo, que tamén están colaborando”, destacou Teresa Villaverde, quen indicou que “escollemos esta praza para que esta exposición sexa o máis visible posible porque acude moita xente ao centro de día, ao centro de saúde, á farmacia e ao concello”.

Pola súa banda, Jacobo Rey puxo de manifesto “a necesidade de seguir fomentando a concienciación e o coñecemento sobre o autismo, que é unha condición do 1% da poboación”. Neste sentido, destacou que “creo que se ten avanzado moito nos últimos anos, favorecendo a inclusión de todas as persoas na sociedade” e puxo en valor a participación dos nenos e nenas xa que “desde os máis pequenos pódese axudar a esa concienciación e a esa normalización”.

Finalmente, Digna Iglesias, agradeceu o apoio recibido polo Concello de Lousame e por todos os municipios polos que discorreu esta exposición, facendo especial fincapé no traballo realizado polos nenos e nenas dos distintos centros educativos da comarca e, especialmente, dos “nenos e nenas do Centro de Educación Especial de Amicos pois grazas a eles púidose facer esta exposición e coa súa valentía puxeron en valor o autismo e que todos temos dereito a ter as mesmas oportunidades”.

A exposición consiste en tres monólitos con información sobre o autismo co obxectivo de achegarlle á cidadanía información sobre este trastorno, sensibilizala sobre a situación das persoas con TEA e conciencialos da necesidade de contar cunha contorna accesible. A exposición poderá visitarse na praza do concello de Lousame ata o vindeiro 12 de maio.

Relacionadas

Saída de vía con dous vehículos involucrados na AG-11, en Boiro

0
Os bombeiros do parque Provincial de Boiro atenderon esta tarde unha saída de vía na AG-11 en sentido Padrón, á altura do quilómetro 23. Dous...

A Banda Municipal de Música da Coruña bateu o seu récord de espectadores e...

0
A formación municipal programou o ano pasado un total de 47 espectáculos, cunha asistencia total de 45.500 espectadores A Banda Municipal de Música da Coruña...

Miño amplía o servizo de Xantar na Casa de 10 a 15 persoas beneficiadas

0
O renovado convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar asegura a continuidade do programa ata 2028. O Concello de Miño...

Protección Civil de Bergondo pecha 2024 con máis dun milleiro de actuacións

0
· O 40% das intervencións eran de emerxencia e risco. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Bergondo acaba de presentar o balance...

Extinguido un lume nun cadro eléctrico nas Salgueiras, Concello de Coristanco

0
Os bombeiros do parque Provincial de Carballo acudiron As Salgueiras, parroquia de Seavia no concello de Coristanco por un aviso dun incendio dun cadro...

Éxito de público na apertura do novo supermercado de Donaya Market Ramen na Grela,...

0
● Con máis de 400 metros cadrados, este establecemento é o supermercado asiático máis grande da Coruña. ● Ofrécense produtos, frescos, refrixerados, conxelados e envasados...

Publicacións Relacionadas