O pintor chairego afincado en Valdoviño foi en 2014 o primeiro artista en expoñer o seu traballo na nova sede municipal
Carballeira Rivas é un dos pintores máis prolíficos e premiados da nosa comarca
A exposición na Galería do Concello de San Sadurniño poderá visitarse desde o 2 de decembro até o 10 de xaneiro
A Galería do Concello acaba de reestrearse como espazo para a arte tras a súa rehabilitación integral. Fíxoo o pasado 18 de outubro cunha mostra da acuarelista Blanca Escrigas que aínda pode visitarse nos horarios de apertura das oficinas municipais, aínda que por pouco tempo. E é que este venres Escrigas cederalle o sitio a Manuel Carballeira Rivas, outro dos pintores destacados e tamén dos máis recoñecidos da nosa comarca. Carballeira, o primeiro en expoñer na galería aló por 2014, traeranos varios cadros caracterizados, sobre todo, pola súa mestría reflectindo a luz.
Nado en Cospeito (Lugo), pero residente en Valdoviño dese hai anos, Carballeira é, posiblemente, un dos nosos pintores máis prolíficos e premiados. Así o testemuñan máis dunha trintena de exposicións desenvolvidas dentro e fóra de Galicia nos últimos anos e os máis de 150 premios principais e accésits colleitados desde 1994 noutros tantos certames, moitos deles de pintura rápida.
Hai dez anos, cando se estreou a nova Casa do Concello, Manuel Carballeira foi o artista que inaugurou cos seus cadros a galería municipal. Un lugar ao que volvería en 2017 formando parte do grupo Narart e ao que agora regresa cunha escolma da súa obra.
Carballeira Rivas manexa distintas técnicas, sempre sen saír do estilo realista e impresionista. Son cadros cunha “pincelada curta e solta” que nos somerxen nos ambientes gracias ao seu grande control sobre a cor e a súa habilidade para reflectir a luz, verdadeira protagonista da súa obra, deitada sobre a natureza.
Poderemos visitar a exposición de Manuel Carballeira Rivas durante a primeira quincena de decembro nos horarios de apertura da Casa do Concello: de luns a venres, agás festivos, de 9:00h a 15:00h.
Desde o 16 de decembro, mostra do XVIII Premio “Jesús Núñez” de Arte Gráfica
Despois de Manuel Carballeira, a Galería do Concello ocuparana algúns dos mellores traballos presentados á edición 2023 do certame internacional de arte gráfica “Jesús Núñez”, convocado pola Deputación da Coruña para poñer en valor esta disciplina e tamén a figura do artista que lle dá nome ao concurso.
Á 18ª edición presentáronse 114 creacións, entre as que resultou ganadora a peza “10 grados”, de Juan Carlos Escudero García. Tamén se concederon dous accésits, un a Mateusz Patrzyk de Oliveira pola obra “Painbody I” e outro a Maite Pinto Zangróniz por “Vero Over”. A exposición permanecerá aberta até despois de Reis en horario de 9:00 a 15:00h.