Froito do contacto continuo entre o Concello da Pobra do Caramiñal e artesáns nace unha nova liña de colaboración.
Á participación no Mercado do Nadal e no obradoiro Feito coas túas mans, únese agora un proxecto socioeducativo dirixido á rapazada do centro ocupacional do CAD.
Durante os meses de outubro e novembro, en horario de mañá, Ruth González e José Manuel Riveiro, de SonAgasallo, converterán o toco dunha árbore nun ser máxico: o tahúmi. Trátase dunha criatura, similar a un trasgo, inventada polo dúo de artesáns que toma o nome do monte Tahúme e coida da natureza: protexe-la contorna, a súa fauna e flora.
Trátase dunha iniciativa que busca “darlle unha segunda vida á natureza morta como mensaxe á veciñanza de que sempre hai unha segunda oportunidade”, en palabras da concelleira do Ensino, Amparo Cerecedo.
O proceso de elaboración diferenciarase en dúas fases. A primeira consistirá na talla exclusivamente a cargo de SonAgasallo e, na segunda, incorporarase a razapada do CAD para a aplicación de tratamento e cor.
A figura que consistirá nunha gran seta e un ser máxico presidirá a entrada ao parque infantil do Castelo, o cal conta con moita afluencia de crianzas.