O pleno aprobou unha moción presentada polo PSdeG José Manuel Lage: “Apoiar unha facultade de medicina é apostar por reforzar o sistema público sanitario galego e o sistema universitario”
O pleno do Concello aprobou hoxe unha moción presentada polos socialistas solicitando o apoio para a implantación da titulación de Medicina na cidade da Coruña.
O texto da moción foi defendido polo voceiro do Goberno municial e concelleiro de Economía e Plantificación Estratéxica, José Manuel Lage, quen defendeu a idoneidade da cidade para acoller dita titulación. “Galicia ten espazo para unha nova facultade de Medicina, esta cidade a demanda e conta cos recursos e co ecosistema sanitario para acollela” , dixo Lage.
O concelleiro recordou que hai moitos anos que a cidade demanda o establecemento de dita facultade, para o que se foron dando pasos como a apertura de Ciencias da Saúde no ano 2001. Lage recordou que o sistema público de saúde precisa da incorporación de novos profesionais, máxime cando calcúlase que o 30% dos facultativos xubilaranse nos vindeiros 10 anos.
Ademais, o voceiro municipal recordou que son moitas as razóns para que Medicina se poida impartir na Coruña: a demanda de prazas supera en Galicia ampliamente a oferta, con 3.000 solicitudes para pouco máis de 400 prazas, A Coruña conta xa co hospital de referencia en Galicia, o Chuac, en proceso ademais de ampliación, e centros de investigación de referencia como o Inibic, ademais de distintos títulos no eido sanitario impartidos pola UDC. “A Coruña xa é a capital sanitaria de Galicia” indicou o concelleiro, quen salientou que “apoiar unha Facultade de medicina é apostar por reforzar o sistema público sanitario galego e o sistema universitario”.
“A Coruña é a cidade idónea para implantar esa titulación, conta con todo o necesario para ese fin, e queremos que se faga desde a universidade pública para contribuír así tamén a mellorar un necesario servizo público tan importante como a sanidade, deficitaria en profesionais desde hai moitos anos”, indicou Lage.
A moción presentada polos socialistas foi aprobada por unanimidade pola corporación.