As representacións faranse no auditorio do Fórum Metropolitano entre os meses de febreiro e maio, incluíndo sesións para escolares
O Concello da Coruña pon mañá á venda as entradas para os diferentes espectáculos que conforman a programación do ciclo Todo Público de Primavera do 2025. O ciclo contará con cinco espectáculos dirixidos a diferentes franxas de idade, entre os 4 e os 11 anos. Utilizaranse diferentes técnicas como monicreques, espectáculos sen palabras ou clown para levar a escena temáticas como a liberdade, a soidade ou a muller e o seu papel ao longo do tempo.
“O Goberno de Inés Rey promove ano a ano unha programación cultural e de lecer de gran calidade e axeitada para todo tipo de idades e públicos, aproveitando a extensa rede de instalacións culturais das que dispoñemos”, indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. O ciclo Todo Público de Primavera, que se celebra no auditorio do Fórum Metropolitano, está organizado polo Concello e conta co apoio do AGADIC.
Todas as sesións terán lugar os sábados ás 18.00 horas. O prezo das localidades é de 6 euros coa posibilidade de adquirir no propio recinto un abono para tres persoas a un prezo de 15 euros. Para os menores de 3 anos o prezo será de 2 euros. As localidades poranse este mércores ás 11.00 horas á venda a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense, nos seus horarios habituais.
Este ciclo conta tamén con funcións dirixidas a escolares, que se celebrarán o día anterior á sesión pública, os venres ás 10.00 e ás 12.00 horas. As entradas para esta modalidade poderán ser tramitadas polos centros educativos a partir deste mércores 15 ás 9.00 horas para centros da cidade e a partir do venres 17 ás 9.00 horas para centros de fóra do municipio.
Programación
● 8 de febreiro – ‘A cincenta que non quería comer perdices’ de Sarabela Teatro. ● 8 de marzo – ‘La maestra’ de Anita Maravillas & Portal71.
● 22 de marzo – ‘Solo’ de Roi Borrallas.
● 10 de maio – ‘Moby Dick’ de Pedras de Cartón.
● 24 de maio – ‘Os contos do Lobicán’ de Redrum Teatro.