A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases das competicións da 14ª edición do Carballo Interplay, que se celebrará do 8 ao 11 de abril de 2027. O festival repartirá un total de 3.000 euros en premios a través do certame internacional de series de formato curto e dos recoñecementos á creación dixital en galego, dúas convocatorias que reforzan a aposta municipal pola cultura dixital e pola difusión de contidos na nosa lingua.
A competición internacional está aberta a series de calquera temática e xénero, tanto de imaxe real como de animación, producidas entre 2025 e 2027. Deberán contar con polo menos tres capítulos, cunha duración máxima de 30 minutos por episodio, que poderán ser inéditos ou estar publicados en plataformas de vídeo ou de streaming.
A inscrición será gratuíta e poderá realizarse ata o 26 de febreiro de 2027, a través da web do festival, www.carballointerplay.com, ou da plataforma FilmFreeway. As bases establecen catro premios: mellor serie, dotado con 800 euros; premio do xurado novo e premio do público, con 400 euros cada un, e mellor dirección, con 200 euros. Todos eles incluirán tamén un trofeo.
Recoñecemento á creación dixital en galego
O Carballo Interplay volverá poñer o foco nas persoas e nos proxectos que crean e difunden contidos en galego na internet. A categoría de creación dixital galega contará con dous premios, á mellor canle e ao mellor creador ou creadora, dotados con 600 euros cada un.
Poderán presentarse tanto persoas creadoras como proxectos específicos ou canles completas de YouTube, TikTok, Instagram ou doutras plataformas activas no momento da inscrición. Os contidos deberán ser de creación propia, estar en lingua galega e contar cun historial comprobable de publicacións e intención de continuidade.
A participación será gratuíta e o prazo rematará o 15 de marzo de 2027. Os proxectos finalistas presentarán as súas propostas ante un xurado dentro da programación do festival. Ademais, a persoa gañadora do premio á mellor creadora ou creador pasará a formar parte do xurado dixital da seguinte edición.
Con estas convocatorias, o Concello continúa impulsando o Carballo Interplay como espazo de encontro para o público, profesionais do audiovisual e persoas creadoras, ao tempo que contribúe á dinamización cultural, turística e económica do municipio.
Avance na mellora do saneamento
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou definitivamente o anexo de expropiacións necesario para executar a conexión das redes de augas fecais e pluviais da rúa Carpinteiros coa rúa Oriente. A actuación permitirá suprimir o bombeo que actualmente conduce estas augas á rúa Lagoa e mellorar o funcionamento da rede.
O expediente afecta a dúas parcelas, sobre as que se establece unha servidume de acueduto soterrada de 43 metros cadrados e unha ocupación temporal de 52 metros cadrados para executar as obras. A valoración total dos dereitos afectados ascende a 5.214,51 euros.
As persoas titulares están convocadas para o 27 de novembro, ás 11.00 horas, na sede do Concello, para o levantamento das actas previas á ocupación, o pagamento dos depósitos previos e a formalización das actas de ocupación.

