— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración do novo pavillón, que conta cun módulo de atletismo cuberto e unha sala para a práctica do taekwondo
— As obras tiveron un coste de máis de 2M€ e realizáronse no marco dun convenio de colaboración co Concello
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe en Ribeira na inauguración da ampliación do complexo deportivo A Fieiteira coa construción dun módulo de atletismo cuberto e unha sala para a práctica do taekwondo. A obra, cun custe de 2,3 millóns de euros, realizouse no marco dun convenio de colaboración co Concello de Ribeira e a achega da Xunta ascendeu a 1,2 millóns de euros.
No acto participaron a atleta olímpica Ana Peleteiro, que vén de sumar un diploma olímpico ao seu amplo palmarés, e o taekwondista paralímpico Álex Vidal, catro veces campión do mundo e de Europa, así como representantes das federacións galegas destes deportes e de clubs locais que os fomentan.
A través desta mellora, a infraestrutura deportiva conta con case 2.000 metros cadrados máis nun novo pavillón anexo que alberga no seu baixo unha zona de adestramento cuberta para atletismo, con cinco rúas e áreas de saltos e de lanzamentos, entre outros espazos. Na primeira planta habilitouse unha sala para a práctica do taekwondo. Construíronse tamén vestiarios, aseos e duchas, ademais de facerse obras de accesibilidade.
Aposta polas infraestruturas deportivas
Segundo sinalou Diego Calvo, a iniciativa enmárcase na aposta da Xunta por dotar os deportistas galegos de instalacións nas mellores condicións e axeitadas ás súas necesidades, tanto para os de alto nivel como para os que practican deporte base. Neste sentido, o Goberno galego destina este ano máis de 22 millóns de euros ás infraestruturas deportivas a través de distintas liñas de apoio, con case un cento de concellos beneficiarios.
Ademais, o conselleiro salientou tanto a importancia de que as novas xeracións teñan exemplos como Ana Peleteiro e Álex Vidal nos que inspirarse para a práctica deportiva, como o labor que realizan as federacións e os clubs locais no fomento do deporte a todos os niveis.
Así, sinalou que o número de deportistas de alto nivel non deixa de medrar en Galicia, servindo tamén para a promoción do deporte entre os máis novos. Na actualidade son xa máis de 1.300. Cómpre lembrar que no apoio destes deportistas, a Xunta lanza as axudas DGAN, específicas para o deporte de alto nivel, que este ano contan cun orzamento de 600.000 euros.
A mellora das pistas de atletismo de Ribeira súmase a outras xa realizadas neste mesmo tipo de infraestruturas. Hai case un ano inaugurábase a primeira pista de atletismo homologada da Mariña, en Cervo, que se unía tamén ás pistas de atletismo da Universidade de Santiago de Compostela, de Expourense, da Estrada ou ao módulo cuberto do IFEVI de Vigo.
A maiores, o Goberno galego está a impulsar outras grandes infraestruturas deportivas na comunidade, como a Cidade do Deporte de Ferrol ou o Parque acuático de Monterrei, cuxa primeira fase completa se inaugurou este verán.

