A actividade encádrase no ciclo Máis movemento, máis vida!
A Concellería de Deportes de Fene e Aspaneps organizan unha nova xornada informativa, no marco do programa artellado ao redor do Día Mundial da Actividade Física. A cita, impartida pola Escola Galega de Saúde, será o xoves 21 de maio, de 17.00 a 20.00, no salón de actos da Casa da Cultura. Nesta ocasión prográmase un Obradoiro de alimentación saudable, centrándose o encontro en: adquirir coñecementos sobre alimentación que se poidan implementar na vida diaria e coñecer os beneficios dunha boa alimentación. No decurso da charla falarase sobre tipos de alimentos (pirámide alimentaria) e papel dos hábitos alimentarios no crecemento e desenvolvemento, na saúde e na prevención da enfermidade; recomendacións para unha alimentación saudable e etiquetado de nutrición.
O número de prazas é limitado (25) e para asistir cómpre anotarse previamente a través da páxina web municipal www.fene.gal, Concellería de Deportes de Fene (Tfno. 981 340 366) ou da sección de formación do Sergas (https://feweb.sergas.gal/FEWEB/DetalleActividadeCidadan.aspx?CodCurso=A4D92FDBBC251775C40B23AD0EEA3C2D&DInicio=A8BEB0C44CA210551F4533982A964AD7&DLimite=94E02A1CC2373B7E902786406914BF9A&EsActivo=FB5DADA0999850A76C0D5086C40B7A14)
Sensibilizar á poboación sobre a importancia de practicar actividade física de xeito regular para mellorar a saúde e adquirir bos hábitos de vida, é o principal obxectivo do Día Mundial da Actividade Física que se conmemora cada 6 de abril por iniciativa da Organización Mundial da Saúde. O Concello de Fene xunto coa asociación Aspaneps sumouse este ano á conmemoración con distintas actividades gratuítas como unha andaina inclusiva, reparto de trípticos informativos, unha exposición itinerante e xornadas informativas impartidas polo Servizo Galego de Saúde.

