HomeA CoruñaAberto o prazo de solicitude na convocatoria de axudas á escolarización municipais

Aberto o prazo de solicitude na convocatoria de axudas á escolarización municipais

- Anuncio -spot_img

As persoas interesadas poden presentar a súa instancia ata o 30 de setembro.

Ata o 30 de setembro permanecerá aberto o prazo de solicitude de participación na convocatoria de axudas municipais ás familias para a escolarización dos seus fillos para o curso escolar 2025-2026. As bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día 28 de xullo.

As instancias deben presentarse debidamente cubertas e acompañadas da documentación requirida. Poden recollerse na Casa da Cultura -lugar no que está operativa a Concellería de Ensino- ou descargarse da web municipal (www.alaracha.gal, apartado de ‘avisos’) ou da Sede Electrónica. Unha vez rematado o prazo, a Comisión de Valoración analizará todas as solicitudes presentadas atendendo a criterios educativos e económicos, beneficiando principalmente ás familias con menores recursos económicos.
Poden solicitar beneficiarse da convocatoria todos os estudantes empadroados no municipio, desde alumnos de educación infantil ata universitarios. A dotación económica alcanza os 75.000 euros, sendo as contías individuais de 165 euros para os beneficiarios das bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 150 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 225 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 350 euros para aqueles alumnos que presenten necesidades educativas especiais e 400 euros para os que cursen estudos universitarios (grao medio, superior e máster). Cabe lembrar que estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.

Con esta convocatoria o Concello renova cada ano o seu compromiso cos estudantes consciente das dificultades económicas que supón para moitas familias o inicio do curso escolar, e co propósito esencial de facilitar o proceso de formación dos veciños como o elemento fundamental para o seu desenvolvemento persoal. Os gastos subvencionables son todos aqueles que supoña o inicio da do curso, como por exemplo á adquisición do material educativo específico e didáctico complementario, vestiario, equipamento informático ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa actividade educativa.

Publicacións Relacionadas