Laxe impulsa a modernización do seu saneamento con fondos europeos para mellorar as rúas Real e As Rías

Redacción
Lectura mínima de 1

O Concello executa un proxecto financiado con 45.000 euros do Plan de Recuperación para avanzar cara a unha rede máis eficiente, sostible e preparada para o futuro

O Concello de Laxe vén de poñer en marcha unha actuación clave para a mellora das infraestruturas hidráulicas do municipio, grazas a unha subvención concedida por Augas de Galicia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O proxecto, que leva por título “Mellora das redes de saneamento e pluviais nas rúas Real e Rúa As Rías”, ten como obxectivo optimizar o funcionamento do sistema de recollida de augas, mellorando tanto a eficiencia do saneamento como a xestión das augas pluviais.

Esta actuación enmárcase no compoñente 5, investimento nº 3 do PERTE de dixitalización do ciclo da auga, e conta cunha achega económica de 45.000 euros.

Dende o Concello de Laxe destacan que este tipo de intervencións son fundamentais para seguir avanzando nun modelo de concello máis sostible e resiliente, mellorando os servizos básicos e adaptando as infraestruturas ás necesidades actuais e futuras da veciñanza.

Comparte este artigo