As análises confirman que o porto e a praia de Santa Cruz é apta para o baño

Redacción

Os resultados das primeiras análises da calidade da auga da praia e do porto de Santa Cruz confirman que non existe ningún tipo de contaminación e que a auga é totalmente apta para o baño. As mostras tomadas na zona do porto e fronte ao Hotel Portocobo arroxan uns datos excelentes.

Estas analíticas realizáronse o 11 de xuño. Vanse repetir quincenalmente durante todo o verán, para demostrar que o veto decretado pola Xunta á praia de Santa Cruz non se axusta á realidade.

Esa resolución da Xunta foi utilizada polo Partido Popular para reactivar, semanas atrás, a campaña de desprestixio de Santa Cruz. Sorprendentemente, PSOE e BNG tamén se sumaron á intoxicación da opinión pública, sen importarlles o dano que se podía causar na localidade, tanto a nivel económico como social; amosando unha vez máis a súa falta de responsabilidade. Todo vale para intentar desgastar ao Goberno municipal de Alternativa dos Veciños.

Todo Oleiros conta cunha completa e eficiente rede de saneamento. No caso concreto de Santa Cruz, foi mellorada no 2018 coa construción dun tanque de tormentas cun investimento de 3,2 millóns euros. Unha obra que realizou a propia Xunta, tras máis de 15 anos de demandas do Goberno municipal, para evitar os episodios puntuais de contaminación que se producían en días de fortes precipitacións, debido ás conexións ilegais de augas pluviais á rede de alcantarillado.

Comparte este artigo