Ofértanse 40 prazas e o período de preinscrición remata no 22 de novembro
O Nadal trae consigo o remate do primeiro trimestre do curso escolar e, consigo, un período de vacacións para a rapazada, polo que o Concello de Ribeira promove unha nova edición do programa de conciliación no seu afán de compatibilizar a vida persoal e laboral das familias durante esta época.
Este servizo brindarase do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, de luns a venres, agás festivos, de 09.00 a 14.00 horas, no Conservatorio Municipal de Música ‘Enrique Paisal’, se ben se utilizará o pavillón do CEIP O Grupo para actividades deportivas e comedor. A maiores, cóntase cos tramos adicionais correspondentes ao Servizo de Madruga, de 07.45 a 09.00 horas, e comedor, de 14.00 a 16.00 horas.
“A rapazada está a piques de desfrutar do primeiro período longo de vacacións e o Concello de Ribeira amosa, unha vez máis, que está ao carón das familias con esta nova edición do programa Nadal Concilia.
Trátase dun servizo que goza de gran demanda e satisfacción cidadá e que garante a pais e nais que os seus fillos e fillas están atendidos por profesionais, ao mesmo tempo que os pequenos seguen aprendendo e divertíndose. Pero tamén se continúa educando fóra da casa mediante o fomento de habilidades, valores e hábitos saudables”, destaca o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, xunto á coordinadora da área, Francisca Vidal.
Ofértase un total de 50 prazas dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos.
O prezo da matrícula sitúase nos 40 euros, se ben, a Administración local aplicará bonificacións ás familias que reúnan os requisitos establecidos nas bases.
Prazos e pago da matrícula
Ábrese un prazo de preinscrición do 6 ao 22 de novembro. As solicitudes poderán formalizarse de maneira presencial no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios ou na Oficina de Atención Cidadá do Concello, con horario de atención ao público de 09.00 a 14.00 horas, presentando a ficha de inscrición cuberta, a folla de autorización asinada, copia do DNI do participante e do pai/nai/titor e demais documentación exixida. Tamén hai opción de facer o proceso de maneira telemática na sede electrónica municipal, dentro do apartado de ‘Trámites destacados’ e ‘Solicitude xenérica’.
Deberase tramitar a solicitude de carácter xeral e acompañala dos documentos anteriormente indicados.
As listaxes de admisión, agarda e vacantes publicaranse no 30 de novembro. Chegado o momento, as persoas que aparezan como admitidas deberán realizar o pagamento do importe correspondente, (con ou sen bonificación) mediante autoliquidación do 12 ao 18 de decembro, inclusive. Unha vez realizado o pagamento, deberase entregar o xustificante no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios antes do inicio da actividade.
Condicións para a bonificación
O Concello de Ribeira aplicará un desconto do 20% sobre o importe de matrícula á rapazada de familias que reúnan unha serie de condicións e así o acrediten previamente cos documentos pertinentes:
– Familias que teñan o título de familia numerosa.
– Familias monoparentais que o acrediten documentalmente co certificado oficial.
– Familias con dous ou máis inscritos/as nesta actividade: o desconto aplicaríase na matrícula do segundo fillo/a e sucesivos.
– Familias nas que, ao menos, un dos seus membros sexa desempregado/a de longa duración (que teñan acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregados/as na oficina de emprego de 180 días se fosen menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 365 días se fosen maiores de 25 e menores de 45 anos de idade, debendo presentar vida laboral e/ou certificado de períodos de inscrición na Oficina de Emprego).
– Familias nas que o propio participante acredite unha discapacidade de polo menos o 33% (acreditando tal condición co certificado de discapacidade).
Tamén se reserva o 10% das prazas, cunha bonificación da totalidade das taxas, para emerxencia social.

