• Gonzalo Muíños destaca o seu papel “responsable e útil” durante este ano de oposición, desbloqueando proxectos estratéxicos como a operación Peleteiro e rexeitando “calquera posibilidade” dunha moción de censura
• Critica a “dobre vara” do PSOE ao denunciar agora en Lugo prácticas que tamén empregou en Santiago para “alterar” a representación municipal
Cómprese un ano desde aquel venres 16 de maio de 2025 no que a representación municipal en Santiago de Compostela mudou para sempre nun pleno extraordinario no que se fixo oficial a saída de Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez do Grupo Municipal Socialista e pasaron a ostentar a súa condición actual de concelleiras Non Adscritas. Un ano despois, o seu portavoz, Gonzalo Muíños reivindicou a “coherencia coas ideas e o compromiso con Santiago” das catro “practicando unha oposición útil, que desbloquea proxectos e mira polo interese xeral máis que á calculadora electoral”.
Muíños asegurou que aquel pleno do 16 de maio de 2025 supuxo unha alteración “arbitraria” da representación da Corporación Municipal por parte dun partido político, nun contexto que definiu como “un axuste de contas” motivado por “ansias de poder, vinganzas persoais e xogando con temas tan serios como a regulación das vivendas de uso turístico”.
O portavoz comparou ademais aquela situación coas recentes denuncias políticas sobre a moción de censura en Lugo, lembrando que “as mesmas persoas que agora sancionan e denuncian prácticas de compra-venda de vontades foron as que aquí empregaron eses métodos”. Neste sentido, acusou ao PSOE de intentar “comprar” a vontade do grupo mediante ofrecementos de cargos para facilitar a súa saída e “deixar sitio a Aitor Bouza”, quen posteriormente obtivo un posto no Parlamento galego despois de que Julio Abalde, deputado ata ese momento, accedese á Subdelegación do Goberno, renunciando a súa acta de deputado en favor de Bouza, seguinte na lista electoral.
Fronte a esa situación, Muíños reafirmou a posición mantida polo grupo desde o primeiro momento. “Somos máis de Santiago que de partido”, sinalou, incidindo en que continúan representando “a unha clase traballadora” desde unha posición “abertamente socialista”, aínda que centrada na defensa dos intereses de Santiago de Compostela.
O portavoz defendeu que esa independencia lles permitiu actuar con responsabilidade e chegar a consensos puntuais con outras forzas políticas “sen renunciar ao que cada unha representa”. “Nós nunca imos renunciar a representar o que somos”, subliñou.
Balance dun ano de oposición
No balance deste primeiro ano como Non Adscritas, Muíños destacou o desbloqueo de proxectos “enquistados” como a operación Peleteiro ou o impulso ao estudo dun novo modelo de comedores escolares. Tamén lembrou o apoio do grupo á nova licitación do contrato da auga, “aínda que houbo quen a bloqueou” -en referencia á abstención do Partido Popular e o voto en contra do goberno local-, así como a súa disposición a facilitar a tramitación dos orzamentos municipais “por responsabilidade coas veciñas e veciños”, malia non compartir o seu contido.
Así mesmo, reivindicou a coherencia do grupo ao rexeitar “calquera posibilidade dunha moción de censura”. Neste punto, criticou que o PSOE “non rexeitou coa mesma rotundidade” esa hipótese, ao non apoiar a cuestión de confianza presentada pola alcaldesa, que supuña a aprobación automática dos orzamentos que, de non producirse, aprobaríanse igual un mes máis tarde, despois de que se abriran eses trinta días de reflexión para a presentación dunha moción de censura “imposible”.
Finalmente, Gonzalo Muíños asegurou que as concelleiras Non Adscritas continuarán traballando “con coherencia e compromiso”: “coherencia coas nosas ideas e proxecto; e compromiso con Santiago de Compostela”.

