Asinado o convenio coas ANPA e AFA para facilitar o pagamento das subvencións para comedores escolares

Redacción

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Belén Taboada, asinou esta mañá coas ANPA e AFA do municipio un convenio que axilizará o cobro das subvencións para comedores escolares. As nais e pais interesados aínda poden solicitar —ata o 30 de xuño— esta axuda económica do Concello para o comedor dos seus fillos e fillas en idade escolar, que oscilan entre o 100%, o 60% ou o 40%, en función da situación económica familiar.

Grazas ao convenio asinado, as propias ANPA e AFA fanse cargo das xestións para o abonamento destas subvencións que ten que solicitar cada unha das familias beneficiadas. O Concello reitera o seu agradecemento ao traballo destas asociacións de nais e pais pola súa dedicación para facilitar os trámites que conleva esta medida de apoio ás economías familiares e por todo canto fan polo benestar dos nenos e nenas de Oleiros.

As ANPA e AFA están a asumir a xestión dos comedores escolares, cando é a Xunta de Galicia a que está obrigada a facelo nos períodos educativos obrigatorios. Ante esa situación, o Concello creou esta axuda de apoio ao comedor escolar, para eliminar as diferenzas entre as nenas e nenos de Oleiros, pois dependendo da zona onde vivan a escola que se lles asigna ten ou non comedor xestionado pola Xunta.

Comparte este artigo