A actividade celebrarase o domingo 20 de setembro, coincidindo co Día sen Coches, cun percorrido de arredor de dous quilómetros, retos adaptados e un máximo de 500 participantes
O centro urbano de Carballo converterase o domingo 20 de setembro nun enorme circuíto de deporte, diversión e inclusión coa celebración do I Circuíto Un Paso Máis, unha das actividades máis singulares da programación da Semana Europea da Mobilidade.
A proposta, organizada pola Agrupación Deportiva Un Paso Máis, desenvolverase entre as 11.00 e as 13.00 horas sobre un percorrido circular de aproximadamente dous quilómetros, con saída e chegada na contorna da Praza do Concello e do Xardín Municipal. O itinerario discorrerá polas rúas Colón, Desiderio Varela, Gran Vía e Cervantes e estará limitado a un máximo de 500 participantes.
Non se trata dunha carreira ao uso. O circuíto foi concibido expresamente como unha actividade lúdica, recreativa, deportiva, inclusiva e non competitiva, sen cronómetros, clasificacións nin premios por posición. Cada persoa poderá realizar o percorrido ao seu ritmo, correndo, camiñando, saltando, rodando, empurrando un carriño ou utilizando calquera outra forma de desprazamento compatible coa súa seguridade.
A filosofía da actividade queda resumida nun lema que atravesa todo o proxecto: Non gaña quen chega primeiro. Gañamos cando chegamos todos. O obxectivo é que persoas de diferentes idades e capacidades poidan compartir unha mesma experiencia nun centro urbano seguro, accesible e libre de vehículos.
Retos para todos, con alternativas adaptadas
Ao longo do percorrido distribuiranse diferentes retos e experiencias de carácter lúdico, acuático e recreativo. A previsión inicial prevé ata dez propostas, entre elas obstáculos con auga e espuma, labirintos, cordas, pneumáticos, aros ou exercicios de coordinación.
Un dos principios fundamentais do circuíto será que ningún obstáculo será obrigatorio. Todos contarán cun paso alternativo para garantir a participación de persoas con discapacidade ou mobilidade reducida, persoas maiores, nenos e nenas ou simplemente de quen non queira mollarse, ensuciarse ou afrontar un determinado reto. A organización resume esta filosofía noutra idea moi clara: Participar, si. Competir, non.
Entre os obstáculos figuran a ArañeiraTodo LAR, construída con fíos de la; Non pises as rodas de GARVI!, cun percorrido entre pneumáticos; O Limbo do Ferreteiro, formado por cordas que deberán sortearse por baixo; e a denominada Bomba de fariña, na que varios voluntarios caracterizados recibirán as persoas participantes cunha experiencia de carácter festivo. O Centro Multidisciplinar Eloy Calvo deseñará ademais tres probas específicas: o Campo de Minas, o Paso dos Aros e o Xogo das Paralelas, orientadas ao movemento, á coordinación e á diversión.
Un proxecto compartido coa sociedade e co tecido empresarial
Outro dos trazos diferenciadores do I Circuíto Un Paso Máis é a implicación do tecido asociativo e empresarial local. A colaboración non se limita ás achegas económicas, senón que diferentes empresas participan directamente na creación dos retos ou na achega de materiais e obsequios.
Entre as colaboracións xa concretadas están Todo LAR, GARVI Automóviles, Ferretería Arán, Contenedores Maracaná, Panadería ROISER, Centro Multidisciplinar Eloy Calvo, José Antonio Porteiro, Frank Stone e Ambulancias y Pompas Fúnebres San Antonio. Tamén colaborarán Protección Civil e o Concello de Carballo. A organización contará ademais cun amplo dispositivo de voluntariado distribuído ao longo do percorrido e nos diferentes obstáculos, encargado de informar, orientar e apoiar as persoas participantes.
A organización convida ás persoas participantes a acudir disfrazadas. A actividade terá un carácter solidario. Os fondos procedentes das inscricións destinaranse aos programas anuais de deporte adaptado e inclusión da Agrupación Deportiva Un Paso Máis. As persoas participantes deberán inscribirse previamente. Os menores de 12 anos deberán estar acompañados durante todo o percorrido por unha persoa adulta responsable.
Máis información e inscricións: https://www.rockthesport.com/es/evento/i-circuito-un-paso-mais-2026

