A actividade formativa, organizada pola Deputación da Coruña, é gratuíta e está destinada a persoas desempregadas maiores de 18 anos.
Seleccionaranse un máximo de 6 candidatos no municipio, que recibirán unha bolsa de 8 euros diarios.
Poderanse presentar inscricións ata o próximo 3 de febreiro.
O Concello de Camariñas abriu este martes, 19 de xaneiro, o prazo para apuntarse ao curso de salvamento e socorrismo acuático, organizado pola Deputación Provincial da Coruña, dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos.
Impartiranse dúas actividades formativas no Centro de Formación da Cruz Vermella, na Coruña. Unha será sobre espazos acuáticos naturais e outra sobre socorrismo en instalacións acuáticas, con asistencia obrigatoria en ambas para obter a titulación. Son cursos gratuítos e con dereito a unha bolsa de 8 euros diarios. Seleccionaranse a 6 candidatos ou candidatas como máximo no municipio. O prazo para presentar solicitudes vencerá o 3 de febreiro ás 14:00 horas.
As persoas aspirantes deberán de cumprir unha serie de requisitos: estar inscritas na Oficina de Emprego; ter cumpridos os 18 anos de idade; estar empadroadas en Camariñas; posuír os títulos para realizar a formación do certificado de nivel 2; carecer de afeccións crónicas e enfermidades infecto-contaxiosas e posuír integridade física e destrezas propias do posto de socorrista. Realizarase unha entrevista persoal e unha proba de natación a cada candidato ou candidata.
Aquelas persoas interesadas deberán presentar toda a documentación requirida na Axencia de Desenvolvemento Local de Camariñas, situada provisionalmente na Casa do Concello. Cómpre pedir cita previa chamando ao 981 73 60 00. A solicitude está dispoñible na páxina web municipal, www.camarinas.net.